Laura Moure/Melide/Arzúa/Santiso
Ti eres un dos afectados? Varios puntos do municipio de Melide e tamén zonas de Arzúa e Santiso están sen teléfono nin internet. Esta mañá o propio Concello de Melide alertaba disto e agora son varios os veciños que contactaron con ECOS DA COMARCA para avisar desta incidencia.

"Por mor dunha avaría na rede telefónica non é posible contactar coas dependencias municipais. A avería afecta ás conexións de teléfono e de internet de boa parte do concello", avisaba o goberno local de Melide a través das súas redes sociais.
Unha veciña da parroquia melidense de Santalla sinala que eles están sen teléfono fixo xa dende onte, mércores. No seu caso teñen o servizo contratado de fibra óptica coa empresa Yoigo. Tamén contactou con este medio outro veciño afectado. "Polo visto dende as sete da mañá non hai conexión en Melide. E en Boente a fibra, que no meu caso é de Movistar, non vai e o teléfono fijo tampouco", sinala este arzuán.
Ademais, cónstanos de que hai empresas do polígono melidense da Madanela que se están vendo afectadas por esta avaría.
Tamén nos chegan mensaxes dende o municipio de Santiso: "Aquí en Visantoña tamén estamos sen fibra", indica unha afectada e tamén nos indican que no concello de Toques teñen o mesmo problema.
De momento, son todos os datos que manexamos.
Yorumlar