O partido nacionalista anuncia emendas no Parlamento de Galiza para mellorar a presencia dos concellos da comarca neste orzamentos en materia de infraestruturas e servizos
Ecos da Comarca/Deza
O BNG de Deza-Tabeirós-Terra de Monte fai unha valoración dos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2024 e considera "que reflexan un firme abandono do presidente da Xunta e do PP coas necesidades dos habitantes destas dúas comarcas".
"Os orzamentos Xunta para o ano 2024 reflexan un firme abandono do presidente da Xunta e do PP coas necesidades dos habitantes da Comarca do Deza e A Estrada Tabeirós Terra de Montes e un esquecemento total e absoluto dos concellos de Silleda, Agolada, Rodeiro, Forcarei ou Vila de Cruces", sinala o Bloque. O BNG anuncia emendas no Parlamento de Galiza para mellorar a presencia dos concellos da comarcal neste orzamentos en materia de infraestruturas e servizos.
O reponsable comarcal, Xoán Blanco, di que “son uns orzamentos totalmente partidistas. Os únicos concellos que aparecen reflexados con algún investimento son os gobernados polo PP: A Estrada, Lalín e Dozón. Non dubidamos que estes concellos merecen eses investimentos e aínda máis. Mais o resto de concellos son sistematicamente ignorados nos orzamento da Xunta. Só nos queda agardar a ver se toca algo na pedrea", lamenta.
Publicidade
"Se como di Crespo “os orzamentos reflexan un compromiso firme do presidente da Xunta con Lalín”, cousa que é falsa porque o orzamento baixou un 35% con respecto ao ano pasado e parte dos investimentos xa eran compromisos de anos anteriores sen executar", Xoán Blanco di que “podemos afirmar sen equivocarnos que os mesmo orzamentos reflexan un firme desinterese, un firme abandono e un firme desapego do presidente da Xunta e do PP coas necesidades dos habitantes de Silleda, Agolada, Rodeiro, Forcarei ou Vila de Cruces. Isto só é entendible desde o punto de vista de castigar a vontade da cidadanía na elección dos seus goberno municipais e un intento de que as Alcaldías do PP teñen algo que vender antes da cita electoral".
Se ben é certo, sinala, que o montante en investimentos "é moi cativa, uns 1.500 millóns de euros para todo o país, o normal sería unha distribución equitativa dos recursos entre todos os concellos con criterios de reparto obxectivos, evitando as discriminacións e tendo en conta as necesidades reais da veciñanza e non só onde teñen alcaldías amigas".
Publicidade
Ao respecto de que o presidente da Xunta presume de que non vai recorrer a crédito que son unhas contas responsables, Blanco asegura que “non vai a crédito porque non llo permiten”. A razón, "a débeda total da Xunta supera en varios millóns de euros o importe total do orzamento da Xunta. Esta situación vese agravada por canto a Xunta, en vez de recorrer ao FLA para financiarse, acude á banca privada onde hai que pagar intereses máis altos e aparte nunca condonan débeda. Pero non importa, os conselleiros sempre terán unha porta xiratoria na que poder vivir comodamente cando deixen o cargo".
Publicidade
Doutra banda, o nacionalista observa que “os orzamentos tamén deixan ver unha insuficiencia de recursos para acometer as inxentes necesidades básicas do territorio e da poboación. O problema radica no actual sistema de financiación ás comunidades e aos concellos por parte do estado no que prima a poboación fronte á dispersión e outros indicadores” . Non custa o mesmo prestar todos os servizos a unha poboación de 5.000 habitante en Madrid, explica o BNG, que viven todos nunha rúa que, por exemplo, en Vila de Cruces cos mesmo habitantes, pero distribuídos en 154Km2. Esta deficiente financiación estatal perpetúase ao longo dos tempos goberne o PP ou o PSOE. Polo tanto urxe a reforma da financiación das comunidades autónomas e concellos para dotalos de suficientes recursos para ofertar os servizos básicos a toda a poboación, incluída a do rural. Sobran declaracións de boas intención co rural, coa loita contra o despoboamento que non teñen correspondencia nos investimentos das administracións públicas para reverter a situación".
O BNG anuncia emendas no Parlamento de Galiza para mellorar a calidade de vida da veciñanza en todos os concellos da comarca independentemente de quen goberne.
Comments