top of page

BNG: "A realidade do Pladiga 2026 en Dozón: Entre as promesas da Xunta e a parálise local"

O Bloque denuncia "a situación de desprotección e vulnerabilidade na que se atopa o municipio ante a inminente campaña de alto risco de incendios"


Ecos da Comarca/Dozón

O BNG en Dozón denuncia publicamente "a situación de desprotección e vulnerabilidade na que se atopa o municipio ante a inminente campaña de alto risco de incendios. Malia a propaganda da Xunta sobre o novo Pladiga 2026, a realidade no Concello de Dozón está marcada pola falta de xestión e polas "mentiras" do Goberno municipal respecto ás súas ferramentas de defensa".


"A seguridade do noso monte e da nosa veciñanza non pode depender de anuncios baleiros. Coa campaña de incendios de 2026 xa no horizonte e o novo Pladiga (Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia) sobre a mesa, Dozón atópase nunha encrucillada perigosa onde a propaganda institucional choca de fronte coa desidia administrativa do Goberno local", acusa o BNG.

"O Plan Municipal: Un documento "fantasma" que desprotexe ao concello"

Recalca que a protección de Dozón "comeza na casa, pero os alicerces están podres. Malia as afirmacións públicas do alcalde asegurando que o concello contaba cun plan en vigor, a realidade documental é outra ben distinta" e engade que a denuncia do BNG puxo de manifesto "que Dozón iniciou o ano 2026 sen os deberes feitos: o Plan Municipal de Incendios non só non estaba operativo, senón que aínda se atopaba en fase de exposición pública para a súa elaboración. Esta falta de previsión supón que, en plena época de risco, o Concello carece da ferramenta legal imprescindible para xestionar a biomasa, obrigar á limpeza das faixas de protección e coordinar os medios de extinción locais. Sen plan non hai estratexia, e sen estratexia, Dozón queda a mercé do lume".


"Pladiga 2026: Millóns en Santiago que non chegan ao Deza"

Ademais, cuestiona que o Pladiga 2026 preséntase cun orzamento récord de 213 millóns de euros e a promesa de tecnoloxía de vangarda. "Porén, para o noso Distrito XVI (Deza-Tabeiros), a letra pequena é decepciónante. As dotacións de medios materiais e humanos para a nosa comarca son unha copia exacta de anos anteriores. Mentres a Xunta de Galicia incrementa o número de Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) debido ao aumento do risco climático, o reforzo real de brigadas e motobombas en Dozón é inexistente. Estamos ante un plan que crece no papel pero que se conxela sobre o terreo,

deixando a un concello de montaña como o noso nunha situación de vulnerabilidade extrema".

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

"Infraestruturas de risco: Maleza onde debería haber seguridade"

Así mesmo, apuntan os nacionalistas que a prevención non se limita a ter medios de extinción; implica manter o territorio limpo e accesible. "É inaceptable que as vías de servizo e os accesos a arterias principais como a AG-53 presenten un estado de abandono absoluto. Onde debería haber devasas naturais e camiños despexados para o paso de camións de bombeiros, hoxe atopamos muros de maleza que actúan como combustible. O Goberno local non pode mirar cara a outro lado mentres as infraestruturas que dependen da súa xestión se converten en polvoreiras. A seguridade viaria e a prevención de incendios van da man, e en Dozón, ambas están hoxe en suspenso".

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

"Conclusión: Urxe unha xestión real fronte á política de titulares"

Ante todo isto, o Bloque salienta que "Dozón non necesita máis escusas nin máis mentiras sobre a vixencia de plans que non existen. Necesitamos que o Concello asuma a súa responsabilidade, aprobe de inmediato o plan municipal e esixa á Xunta un reforzo real de medios para o Distrito XVI que vaia máis alá da propaganda. O lume non entende de prazos administrativos nin de estratexias electorais. Ou se actúa agora con contundencia na limpeza e na organización, ou Dozón enfrontará un verán de alto risco coas mans atadas".



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page