Ela é unha gatiña de tres meses que necesita unha ciruxía de atresia anal con fístula rectovaxinal porque non defeca por vía normal
Mirka será operada o xoves.
Laura Moure/Lalín
A Asociación Protectora Bigotes Colonia de Gatos, de Lalín, pide colaboración económica para levar a cabo unha intervención quirúrxica a unha gata, Mirka, que naceu cunha malformación que lle impide facer as defecacións por vía normal ao serlle diagnosticada unha atresia anal con fístula rectovaxinal. É unha femia de tres mesiños que tras ser recollida polo colectivo permanece nunha clínica de Santiago onde está previsto que se opere este xoves, día 18.
Mirka necesita unha intervención moi complicada, unha cirurxía de atresia anal con fístula rectovaxinal, para a que se precisan 700 euros, como indica a asociación. Os interesados poden facer a súa aportación a través da conta do Banco Santander: ES83 0238 8200 1906 0090 9208
"Estamos moi agradecidas ao veterinario Jaime Estalote, porque nos está axudando moitísimo. Un gran profesional e unha gran persoa, que coñecemos por nos ter axudado con outras intervencións difíciles que tivemos que afrontar", agradece Bigotes. "Como sabedes, esta temporada tivemos moitísimos gastos veterinarios que tratamos de afrontar sen a axuda municipal: gatos enfermos que tamén necesitan atención. O presuposto que nos ofrecen na clínica é moi axustado e dásmoslle as grazas de corazón. Necesitamos a vosa axuda porque do total de gastos presupostados só temos unha mínima parte".
Comentários