top of page

Bigotes Lalín recibe unha nova doazón de latas de comida da marca galega Pet Select

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Son máis de 3000 quilos de alimentos húmidos de primeira calidade


Laura Moure/Lalín

A marca galega de alimentos para mascotas Pet Select, do grupo Jealsa-Rianxeira, volve facer unha importante doazón a Bigotes Lalín dentro da súa faceta solidaria coas asociación protectoras de animais do país. "Unha vez máis chega a súa axuda solidaria no mellor momento, reafirmándose como o “ anxo da garda” dos bigotiños de Lalín. Nestes tempos tan duros nos que aínda sufrimos as consecuencias da pandemia, falar de

solidariedade sempre é unha boa noticia que nos gusta compartir", agradece Bigotes Lalín.

Ademais, sinala que agradece á empresa galega Jealsa Rianxeira "unha vez máis a súa estupenda doazón de máis de 3000 quilos de comida húmida de primeira calidade. E dicimos unha vez máis porque en máis dunha ocasión desde hai tres anos nos ten feito sustanciosas doazóns de comida para os gatos de Lalín. Non esquezamos que para unha asociación coma a nosa, que non recibe ningún tipo de axuda por parte da administración, e que xestiona colonias de Lalín cun censo total de 200 gatos, é unha axuda importantísima". "E como non, agradecemos tamén de maneira moi especial polo cariño que nos amosan sempre á empresa lalinense Profecar, que nos facilita as furgonetas para poder traer para Lalín as doazóns. Para nós tamén é un orgullo que as empresas de Lalín ao igual que os particulares nos inclúan na súa “rede solidaria”. Desde aquí aproveitamos para facer un chamamento ás empresas interesadas en colaborar co noso proxecto".


Lembra que o obxectivo de Bigotes Lalín é o control das colonias felinas que neste momento ten baixo a súa xestión. "Evitar de maneira ética e eficaz a multiplicación de individuos nas colonias só é posible mediante o método CES/R, que supón a captura sen dor, a castración e a solta posterior na súa colonia. O abandono de animais caseiros e de camadas indesexadas está supoñendo para nós un sobresforzo que temos que manexar con coidado para que non nos desvíe do noso obxectivo: axudar a que se reduza o número de felinos nas rúas de Lalín. Facemos un chamamento aos particulares para que tomen conciencia e medidas responsables e castren os animais que alimentan así como ás empresas que nos queiran axudar a conseguir fondos para a castración dos felinos das colonias".


Balance desta primavera

"Nesta primavera 2021 non saímos da situación de desbordamento: tres felinos adultos

rescatados( un deles cun problema de saúde grave do que xa está totalmente reposto) e 28 bebés dos que infelizmente faleceron seis e xa atoparon fogar 13 pequenos, restando nove que están en adopción á espera dunha familia que os adopte. Para unha pequena asociación como é a nosa, o esforzo que estamos levando a cabo sobre todo desde os meses de inicio da pandemia é considerable...polo que agradecemos moitísimo ás estupendas familias adoptantes o ofrecemento de fogares responsables para os nosos bigotiños".


Así mesmo, cabe mencionar que esta asociación participou en meses pasados en sendos eventos de adopción responsable en Oleiros e en Lugo, nas instalacións das tendas especializadas da cadea Tiendanimal, nas que asemade organizaron recollidas solidarias de alimentos para bebés e adultos. "Continuaremos con labores de difusión aproveitando os meses de verán no que tamén pretendemos a posta a punto dos comedeiros das colonias, deteriorados durante os meses de inverno. O control das colonias é a nosa prioridade", incide.



0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

ILUMINADOS

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page