Bico de Xeado incorpórase como novo patrocinador da Festa do Queixo cun acordo por dous anos
- Laura Moure

- 26 feb
- 3 min de lectura
A cita iniciou a súa programación na EFA Piñeiral
Laura Moure/Arzúa
A Festa do Queixo de Arzúa vén de formalizar un acordo de patrocinio con Bico de Xeado, que se incorpora como novo patrocinador do evento para as dúas próximas edicións. O acordo, cunha duración de dous anos, supón unha colaboración estratéxica que inclúe unha achega económica e a cesión de produto, reforzando así o compromiso da marca co territorio e coa promoción dun modelo de produción local e sostible.

Ademais do seu apoio á Festa do Queixo, Bico de Xeado desenvolverá ao longo do curso
escolar distintas actividades dirixidas aos centros educativos de Arzúa. Estas accións teñen como obxectivo achegar aos máis pequenos o proceso de elaboración do xeado artesanal 100% galego, elaborado con leite procedente das súas propias granxas, fomentando o coñecemento da orixe dos alimentos e o valor do sector primario.
O alcalde de Arzúa, Carril, destacou a importancia deste acordo sinalando que “é unha
excelente noticia que empresas que nacen do noso territorio e que apostan pola produción
propia e pola calidade queiran formar parte da Festa do Queixo. Este patrocinio reforza o
vínculo entre a festa, o noso tecido produtivo e as novas xeracións, que son o futuro do rural galego”.
Así mesmo, subliñou que “a colaboración por dous anos dálle estabilidade ao proxecto e
permítenos seguir medrando con aliados que comparten os nosos valores de identidade,
compromiso e orgullo polo produto galego”.
Desde a organización destacan a importancia de sumar ao proxecto empresas que
comparten os valores de calidade, identidade e compromiso co rural, fortalecendo así o
vínculo entre produto, territorio e comunidade. A Festa do Queixo continúa consolidándose como un espazo de encontro arredor da excelencia agroalimentaria galega, sumando apoios que garanten o seu crecemento e proxección futura.
Publicidade
Por outra banda, o centro de formación profesional e promoción rural Efa Piñeiral acolleu as primeiras actividades previas da programación oficial da Festa do Queixo de Arzúa. O martes celebrouse a cata vertical a cargo de Óscar Pérez, secretario xerente do Consello Regulador Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa e este mércores tivo lugar a masterclass “Un queixo con moito carácter” a cargo do chef Andrés Torreiro do restaurante D ́Obra (Melide).

No showcooking o chef apostou por amosar as múltiples posibilidades que o queixo Arzúa-Ulloa ten para configurar un menú completo, tanto como entrante, prato principal ou sobremesa, potenciando as maridaxes con outros productos da nosa gastronomía. “Quixemos nesta masterclass facer unha homenaxe á nosa terra e ó noso produto; elaborando tres propostas diferentes. Un primeiro a base de vieira e polbo con alga codium e soro de leite, que ten ese matiz láctico que marida moi ben con peixe e marisco e compensa sabores salinos. Elaboramos un plato de horta, neste caso allo porro que traballamos como un “calçot”; asámolo á brasa e unha vez pelado, escabechado e prensamos o acompañamos de sardiña afumada e avelá tostada e unha escuma de queixo Arzúa-Ulloa D.O.P. E por último unha sobremesa da terra; mazá impregnanda en licor de herbas, cremoso de queixo Arzúa-Ulloa afumado, e rematado con polvo de melindre.” Explicou o chef Andrés Torreiro.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Cata, obradoiros infantís e actividade no recinto feiral
Asemade o alumnado do ciclo de educación infantil do centro de formación profesional está a realizar obradoiros de sensibilización sobre o queixo e os recursos locais nos centros educativos da vila.
A Efa Piñeiral estará tamén presente con stand propio na feira desta 51 edición da Festa do
Queixo. Durante o sábado e o domingo o stand acollerá a exposición da réplica doce do cartel anunciador da festa e de elaboracións do ciclo de panadaría e repostaría, demostracións de pastelaría a cargo do alumnado do centro, concursos e moitas sorpresas máis.







Comentarios