Bertín Osborne actuará na XXXII Festa Gastronómica do Galo de Curral de Vila de Cruces
- Laura Moure

- 19 abr
- 4 min de lectura
A actriz, xornalista e presentadora María Mera será a pregoeira desta edición
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces presenta o programa da XXXII Festa Gastronómica do Galo de Curral, que este ano se celebrará os días 30 e 31 de maio. O alcalde, Luís Taboada, sinala que Cruces será na última fin de semana de maio o “epicentro” da gastronomía galega. “O galo de curral é unha das marcas de identidade e tradición da nosa vila”, explica.
PUBLICIDADE
Tamén Taboada anima a toda a veciñanza a participar nas diversas actividades e compartir a fin de semana con familiares e amigos. Por suposto, invita a todo o mundo
a vivir a festa, tanto aos visitantes asiduos como aos que a queiran descubrir por
primeira vez, desfrutando das actuacións musicais e probando o galo, “como o
auténtico manxar que é, na degustación da praza ou nos restaurantes locais”.
Considerada Festa de Interese Turístico Galego, a celebración iniciarase o sábado 30
cunha cata maridaxe no Auditorio Xosé Casal ás 12:00 horas. Degustarase o galo de
curral, cociñado de tres formas diferentes, e acompañado de viños de Adegas
CastroBrey, da parroquia cruceña de Camanzo, e outros viños da Denominación Rías
Baixas da subzona Ribeira do Ulla, nunha cata dirixida polo prestixioso sumiller Nacho
Costoya. Para participar na actividade será necesario inscribirse previamente (a
inscrición abrirase proximamente).
A xornada do sábado continuará coa celebración do Festival de Bandas de Música
de Galicia, que comezará ás 18:00 horas na Praza Juan Carlos I (Praza do Concello).
Contarase coa presenza da Banda de Música Unión Musical de Ponteledesma, a
Banda da Escola de Música de Rianxo e a Banda de Música Artística de Merza. Xa
pola noite, ás 23:30 horas, a verbena correrá a cargo da orquestra Panamá.
A fin de semana da Festa Gastronómica do Galo de Curral proseguirá o domingo 31
coa súa xornada grande, que estará presentada pola xornalista cruceña Mercedes
Seijo. Comezará ás 11:00 horas con pasarrúas a cargo dos grupos folclóricos ‘O Arco
de Merza’ e ‘Vai Nela de Salgueiros’. Xa ás 11:30 horas sumarase á festividade unha
exhibición de coches antigos a cargo da Escudería Clásicos O Toxo na praza do
Concello. O ambiente festeiro continuará ás 12:10 horas coa actuación do grupo local
‘Xuntounos Ela’.

Un dos momentos álxidos da xornada será o pregón, ás 12:45 horas, a cargo da actriz,
xornalista e presentadora María Mera (Boqueixón, 1986). Como público e xa con
algunha outra experiencia como pregoeira, María Mera promete un pregón entretido
sobre o galo de curral que considera un auténtico manxar. “Serán poucos folios, sen
pasarme de tempo, e sempre xogando co humor para intentar debuxar sorrisos”,
asegura. Licenciada en Xornalismo e Arte Dramático, o primeiro traballo de María Mera como actriz foi na exitosa serie Matalobos que a levou a ser un dos rostros máis coñecidos
da Televisión de Galicia, onde soubo combinar á perfección os seus traballos como
actriz e presentadora. Protagonizou outras series de éxito como “Dalia, la modista”
(TVG), distribuída en máis de 10 países, e “O sabor das Margaridas”
(CTV/TVG/COMAREX ) que se converteu nun éxito internacional en NETFLIX
plataforma que encargou a segunda tempada; así como a serie galego portuguesa
Motel Valikiras (RTP/TVG/HBO).
María Mera tamén participou en películas como El Desconocido de Dani de la Torre ou Julieta de Pedro Almodóvar, e noutras series nacionais como El Final del Camino
(TVE) , “Traición” (TVE) ou “Tres Caminos” (Amazon). Pero María Merta tamén traballou en teatro, con intervención en varias pezas como “A tecedeira de Bonaval” de
Tira e Afloxa, ou “Salomé” do Centro Dramático Galego.
Xa na Televisión María Mera presentou multitude de espazos desde o 2011 ata a actualidade en Televisión de Galicia: “A tecedeira de Bonaval”, O clan dos impostores, Como o da casa non hai e Luar, “Os mellores da clase”, A liga dos cantantes extraordinarios” e actualmente co presenta con Eva Iglesias “Malas Pécoras”.

O mediodía terá un gran momento musical. Ás 13:10 horas toda a veciñanza de Vila de
Cruces e os centos de visitantes que se achegarán ata a vila poderán desfrutar co
concerto do cantante Bertín Osborne, que traerá ata Cruces a súa xira ‘45 años. La
historia de una voz’. O cantante e presentador de televisión é unha das figuras máis carismáticas e populares da pequena pantalla e da música. Con máis de 28 discos publicados nos seus 45 anos de traxectoria musical, é un dos cantantes máis recoñecidos en España e Latinoamérica. Comezou a súa carreira musical en 1981 para converterse nun dos cantantes españois con máis renome internacional colleitando grandes vendas cos seus discos. Ademais de en español, gravou en italiano, francés e inglés, idioma co
que produciu un disco coa participación de Michael Bolton e Bee Gees. En 1983 gañou
o Premio á mellor voz no Festival de San Remo, en Italia, país onde presentou o
programa de televisión “Sotto l’Stelle”. Por suposto, tamén destaco una televisión en
España presentando desde os anos 90 multitude de programas como “Contacto, con
tacto”, “La batalla de las estrellas” e “Mi casa es la tuya” en Telecinco; “Scavengers”,
“Ingenio y Locura” e “Lluvia de estrellas” en Antena 3; e actualmente “El show de
Bertín” en Canal Sur.
PUBLICIDADE
Pero non todo pode ser música e, como auténtica festa gastronómica, haberá
exposición e venda de galo de curral vivo e a súa degustación, a partir das 12:00
horas na praza do Concello. O cociñeiro e veciño de Cruces José Antonio Asorey
Torres, ‘Muñeiro’, que rexenta o restaurante ‘Onde Antonio Mouriscade’ en Lalín,
preparará máis de 500 racións de galo de curral con patacas e fabas a un prezo
simbólico de tres euros. O día pecharase por todo o alto coa música de verbena da
orquestra Capitol, que ofrecerán unha gran actuación a partir das 18:30 horas.








Comentarios