Azos Feministas denuncia o uso de publicidade sexista nas atraccións nas pasadas Festas de Lalín
- ecosdacomarca

- 26 sept
- 3 Min. de lectura
Reclámalle ao Concello que tome medidas, tal e como se estipula na lei, que advirta e revise previamente de que ese tipo de mensaxe nas atraccións non están permitido
Ecos da Comarca/Lalín
Azos Feministas denuncia o uso de publicidade sexista nas atraccións colocadas no Regueiriño nas pasadas Festas de Lalín.
Este é o seu comunicado:
"O Explorer, así coma algunha outra atracción máis, ademais das cancións repetitivas, misóxinas e machistas, que podiamos escoitar no Regueiriño durante estas festas, traían consigo mensaxes sexistas que convén erradicar. Dende Azos reclamámoslle ao Concello que tome medidas ao respecto, tal e como se estipula na lei, que advirta e revise previamente de que ese tipo de mensaxe nas atraccións non están permitidos na nosa vila e que non permita que volva suceder.
PUBLICIDADE
Dende Azos Feministas queremos denunciar o uso de publicidade sexista nas atraccións colocadas no Regueiriño nas pasadas Festas de Lalín, celebradas entre o venres 19 de setembro e o martes 24 de setembro do 2025. En concreto, unha das atraccións chamada Explorer utiliza como reclamo unha pantalla na que se mostra a sexualización do corpo feminino mostrando unha figura bailando de maneira erótica, unha e outra vez. No canto dunha instalación de ocio dirixida a público adolescente semellaba o reclamo dun bordel.
Noutra das atraccións como fondo da mesma, podiamos ver tres debuxos de tres persoas diferentes: unha delas, a que se supón que é o home, tapada absolutamente, cun look estilo hip hop, mentres que nos extremos, dereito e esquerdo, podiamos ver dúas mulleres, con corpos tamén normativos ou, incluso, máis ca normativos por irreais, con pouca roupa, moito peito e actitude sexualizada. Eran debuxos, era unha atracción non só para público adulto, senón tamén infantil e adolescente.

E non soamente contabamos con imaxes denigrantes, senón tamén con música cuxas mensaxes eran misóxinas e machistas. “Loca People (What the fuck)”, de Sak Noel; "TBT (feat. LA X27, Slick La Mina & Blackinny)" de Hades66, Blessd, Luar La L &
LA M RECORDS), “Quevedo”, de Mike Morato ou “Tan celoso”, de Chimbala. Cancións coas que se denigran as mulleres, tratándonos como mercancía sexual, coas que se perpetúa o amor tóxico ou o maltrato. Esta era a banda sonora que podiamos escoitar nas diferentes atraccións infantís destas festas de Lalín edición 2025, que continuaron onte, día 24. Cancións que incluso nunha persoa de 6 anos con capacidade auditiva, aínda que non poña o foco nas letras nin analice as metáforas, quedan no subconsciente, e colaborarán na creación dos seus gustos e do seu universo persoal. Realmente o sentido que ten todo isto é nulo.
Existimos persoas que queremos subir ás atraccións e punto, queremos activar a adrenalina e tratar de eliminar o estrés, aínda que sexa durante uns minutos, queremos que a rapazada o pase ben e goce das atraccións das festas, sen necesidade de que estas veñan adornadas de elementos cos que só provocamos que o sexismo, o machismo e o sistema heteropatriarcal subsista.
Este tipo de publicidade non deixa de ser unha forma de violencia simbólica contra a muller e a cousificación do corpo feminino a través das que se transmiten mensaxes de desigualdade entre mozos e mozas e nenos e nenas. Así mesmo, trátase dun espazo lúdico que foi visitado por centos de familias con menores de idade que normalizan este tipo de mensaxes que achegan o corpo feminino á pornografía. Necesitamos que para que unha sociedade sexa igualitaria tamén o sexa o ocio. Non se pode permitir publicidade machista en ningún ámbito.
PUBLICIDADE
Por todo isto, dende Azos solicitámoslle ao Concello de Lalín, e máis concretamente á Concellería de Igualdade que, por favor, non volva permitir este tipo de atraccións con ese tipo de mensaxes. Algo do que, ademais, é responsable, tal e como establece Ley 3/2007 de Igualdad Efectiva de Hombres y Mujeres e a Ley General de Publicidad, as cales definen como ilícitas as comunicacións que conteñan discriminación por razón de sexo ou presenten a persoas como meros obxectos sexuais ou inferiores en dignidade. A publicidade sexista é ilícita porque vunera a dignidade humana, fomenta estereotipos de xénero e pode ser un atentado contra os valores constitucionais".








Comentarios