Azos Feministas convoca á cidadanía a saír á rúa para reivindicar os dereitos das mulleres neste 8M
Laura Moure/Lalín
Por sexto ano consecutivo, Azos Feministas vén de traballar arreo para tomar as rúas de Lalín como instrumento de reclamo dos dereitos de todas as mulleres. "Tomando esta como unha xornada de reivindicación, dende o colectivo queremos mostrar unha vez máis a nosa total repulsa ás violencias que seguen rodeando día a día a todas as mulleres: asasinatos machistas, maltrato psicolóxico e físico, precariedade laboral, falta de perspectiva de xénero nas institucións públicas, fendas salariais, teitos de cristal, recorte nos servizos públicos que supoñen un atentado directo cara a nosa saúde, etc".

"É por isto e moito máis, que facemos un chamamento á veciñanza lalinense para unir forzas e poñer no centro do debate público os avances e logros acadados por mulleres de todo o mundo ó longo da Historia e polo propio movemento feminista, pero sobre todo para alzar a voz por todas as cuestións que aínda seguen pendentes para garantir a igualdade de xénero e que todas as mulleres e todas as nenas sexan libres".
Deste xeito, este mércores levará a cbao un percorrido polas rúas do pobo, dando comezo no KM0, pasando pola rúa Principal e rúa Pintor Laxeiro, baixando pola Avenida Luís González Taboada, seguindo pola Wenceslao Calvo Garra e rematando de novo no KM0 coa lectura do manifesto. O acto dará comezo ás 20:00 horas.
"Eoma en anos anteriores, dende Azos rogamos á cidadanía que respecte a seguinte orde mentras dura dita mobilización". É a seguinte:
Cabeza da manifestación: mulleres de Azos coa faixa e batukada. Ademais haberá un espazo para as persoas con mobilidade reducida.
Centro da manifestación: mulleres individuais e de asociacións.
Final da manifestación: compañeiros aliados, sindicatos e partidos políticos. (As crianzas serán ben recibidas en calquera das partes)
"Este ano contamos de novo co acompañamento da batukada, polo que lembramos que todas as persoas poden acudir con calquera instrumento ou obxecto (pota, caldeiro, culleres...) para facer ruído contra o patriarcado. Seguiremos en marcha até que todas sexamos libres", recalca o colectivo.