Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Axentes ambientais localizan a un furtivo de Agolada pescando troitas no Tambre en época de veda

Foi interceptado con 65 exemplares por debaixo da talla mínima permitida grazas a un operativo de seguimento no que colaborou persoal de Medio Ambiente e a Garda Civil


Ecos da Comarca/Agolada

Axentes ambientais dependentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda localizaron a semana pasada a un furtivo que pescaba troitas no río Tambre en época de veda e utilizando unha arte de captura masiva prohibida. No momento en que foi interceptado, levaba unha cesta con 71 troitas das que tan só seis acadaban a medida mínima legal permitida no tramo fluvial.


A actuación enmarcouse nun operativo conxunto contra a práctica de actividades ilícitas en torno á pesca continental, no que ademais de catro axentes pertencentes ás xefaturas territoriais de Pontevedra e da Coruña, tamén colaborou a Garda Civil.


Os feitos producíronse na madrugada do 13 de agosto, logo de que o persoal do Distrito XVI Deza-Tabeirós iniciara un operativo de control do pescador, residente no municipio pontevedrés de Agolada e ao que tiñan baixo seguimento desde facía dous meses. O presunto furtivo comezou a súa actividade no río Tambre, ao seu paso por Boimorto, e no momento en que se dirixía de volta ao seu vehículo, os axentes interceptárono. Nese momento, puideron comprobar que o pescador levaba un macuto cunha cesta na que contabilizaron un total de 71 troitas, na súa maior parte de talla ilegal. Tamén portaba unha chumbeira —rede de pesca de forma circular e provista de chumbos ao redor que se utiliza en lugares de pouca profundidade e cuxo uso está prohibido— e un vadeador, material que lle foi incautado xunto cos exemplares do cesto.


En todo momento o furtivo mantivo unha actitude de escasa colaboración cos axentes, dificultando a súa actividade inspectora. De feito, negouse a facilitar a entrega do material que portaba e tras darlles o contido do macuto, fuxiu precipitadamente no seu vehículo, co conseguinte perigo para a integridade dos axentes ambientais.


Por esta razón, os funcionarios da Consellería deron aviso do ocorrido á Garda Civil, que enviou unha patrulla de apoio esa mesma noite e os acompañou ata o enderezo do pescador, en Agolada, onde non puideron localizalo ata dous días despois. Tras proceder á súa identificación, os axentes do servizo de Patrimonio Natural notificáronlle que ía ser denunciado por desenvolver unha actividade de pesca cunha arte prohibida en horas e época inhábil, negarse á súa identificación, proceder a darse a fuga nun vehículo poñendo en risco a integridade física dun axente e por desobediencia aos requirimentos dos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións, este último feito denunciado tamén ante a Delegación do Goberno.


Pola comisión dos feitos descritos no río Tambre o pasado 13 de agosto, o presunto furtivo poderá ser sancionado, polo menos, por dúas infraccións graves incluídas na Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental en Galicia.


Todo o peixe incautado foi entregado no establecemento de beneficencia Cottolengo do Padre Alegre, situado en Santiago de Compostela. En canto á chumbeira, o macuto co cesto e o vadeador incautados tamén polos axentes, están depositados na Estación Ictiolóxica de Ximonde, dependente da Consellería de Medio Ambiente.


Grave afección para as poboacións de troita común

Cómpre subliñar a gravidade dos feitos, xa que este tipo de actividades ilícitas producen unha gran afección sobre as poboacións de troita común nos ríos galegos, especie que representa un importante patrimonio de todos os cidadáns e que mediante a pesca continental regulada desenvolve unha actividade económica importante. A meirande parte destas accións furtivas, como ocorría no caso do pescador interceptado a semana pasada, están relacionadas coa venda ilegal de troitas, xa que a súa comercialización está terminantemente prohibida.


Por todo o exposto, hai que destacar a profesionalidade dos axentes ambientais participantes nos operativos antifurtivismo que se desenvolven en Galicia así como o inestimable papel da Garda Civil, sempre disposta a colaborar nestas accións contra a práctica de actividades ilegais de furtivismo en torno á pesca continental.

367 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE