Axentes Ambientais da Xunta inspeccionan unha vertedura no río Mandeo en Sobrado dos Monxes
Recolleron máis de 400 troitas mortas
Ecos da Comarca/Sobrado dos Monxes
Axentes Ambientais da Xunta de Galicia inspeccionaron en días pasados unha vertedura no río Mandeo (Sobrado dos Monxes), recollendo máis de 400 troitas mortas. O tramo afectado está incluído na Reserva da Biosfera "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo".

"Os nosos peixes precisan ríos con augas frescas e de calidade. Os salmónidos (troitas, salmóns e reos) requiren concentracións de osíxeno na auga superiores ós 7 mg/l. Valores deste gas disolto inferiores a 5 mg/l implican a desaparición no río de moita outra fauna", explican os axentes ambientais.
E recalcan que "as vagas de calor producen un aumento da temperatura da auga e polo tanto, unha diminución do osíxeno disolto, sometendo ós nosos salmónidos a situacións de estrés. Xa que nos resulta imposible arrefríar a auga do río, debemos manter os máximos niveis de caudal posible. Como?". Pois para iso sinalan que hai que evitar:
Captacións ilegais.
Captacións legais abusivas.
Plantacións forestais intensivas preto das canles fluviais.
"Cómpre nestas situacións evitar tamén a contaminación das augas con materia orgánica que consumirá o pouco osíxeno dispoñible. De que xeito?". Pois do seguinte, como apuntan:
Cunha depuración eficaz das nosas augas residuais.
Evitando a escorrega de xurros e lixiviados.
Evitando revolver lodos do fondo.