Un total de 22 actuacións terán lugar en 14 municipios lucenses nas vindeiras dúas semanas no marco do ciclo Cultura no Camiño organizado pola Consellería de Cultura
Laura Moure/Palas de Rei
Un total de 22 actuacións terán lugar en 14 municipios lucenses nas vindeiras dúas semanas no marco do ciclo Cultura no Camiño, organizado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades xunto cos concellos participantes. Dentro das comarcas figura o concello de Palas de Rei.

A iniciativa pretende fomentar a contratación de bandas de música e de formacións escénicas e dinamizar culturalmente os municipios polos que transitan as diferentes rutas xacobeas. Desde que comezou a súa andaina, a mediados de xullo, celebráronse xa na provincia 61 actividades nunha vintena de localidades. A Xunta contribúe ás contratacións das diferentes formacións artísticas levadas a cabo polas entidades locais asumindo o 50% do investimento necesario para afrontar os gastos de cada espectáculo programado en concellos de menos de 20.000 habitantes. A programación encarou este luns a quincena final con actuacións do mago Dani García en Barreiros e a música da charanga Bicoia en Guitiriz. Durante esta semana haberá tamén novo circo, o día 25 na Pobra de Brollón, a cargo de Pistacatro, o día 26 en Chantada con Especialistas Hípica Celta. O mesmo día Fran Rei representa Superheroe en Escairón (O Saviñao) e Avelino González Contos de Contrabando en Palas de Rei.
A programación continúa, con circo, maxia, música e teatro, ata o día 10 de setembro, data na que Jamila Purofilin clausurará esta edición na provincia cun concerto no Espazo Multiusos de Vilanova de Lourenzá. Todo o calendario actualizado de actividade de Cultura do Camiño pódese consultar na Axenda de Cultura de Galicia e na web da Axencia Galega das Industrias Culturais.
Commenti