top of page
Foto del escritorLaura Moure

Avanzan os traballos da parcelaria de Goiás-Xaxán-A Veiga, en Lalín, que suporán a reestruturación de 2.589 hectáreas de 1.207 veciños

Están desenvolvéndose os labores de levantamento topográfico e obtención dos planos parcelarios, así como da preparación das bases e do plan de ordenación de predios


Laura Moure/Lalín

A Xunta avanza nos traballos de levantamento topográfico e obtención dos planos parcelarios, así como da preparación das bases e do plan de ordenación de predios de especial vocación agraria, da concentración parcelaria de Goiás-Xaxán-A Veiga, no concello de Lalín. O orzamento para estes labores supera os 487.000 euros, nun proceso de reestruturación que abrangue unha superficie de 2.589 hectáreas, distribuídas en 8.084 parcelas de 1.207 propietarios.

A definición do parcelario suporá a correcta delimitación cartográfica da totalidade das

parcelas, a rede hidrográfica, as construcións, a rede viaria e os elementos topográficos

singulares, así como a delimitación do perímetro definitivo da zona de reestruturación. En

canto á investigación da propiedade, consiste na recollida dos datos persoais dos

propietarios, así como na recollida da documentación acreditativa do dominio das parcelas

a favor de quen as posúa en concepto de donos e a das súas posibles cargas ou

gravames.


Parcelarias en Lalín

Dentro do concello lalinense, oito parcelarias están mobilizando actualmente máis de

9.700 hectáreas de superficie. Trátase dos procesos de Cristimil, Val-Bermés-Sello, Santa

Baia de Losón; Vilatuxe; Cercio; Noceda-Bendoiro-Anzo-Madriñán-Busto e Galegos,

ademais deste de Goiás-Xaxán-A Veiga. Nestas reestruturacións, a Consellería do Medio

Rural leva investidos máis de 19 millóns de euros.


Publicidade

O obxectivo de todos estes traballos é o de poñer en valor o territorio. Así, a través dos

diferentes mecanismos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e as

reestruturacións parcelarias, a Xunta leva xa mobilizadas en total 35.000 hectáreas en

toda a comunidade nos últimos catro anos.


Neste contexto, dende o ano 2020 a Xunta rematou un total de 32 concentracións

parcelarias e decretou outras 29. As rematadas abarcaron unha superficie total de máis de

21.753 hectáreas, beneficiando algo máis de 17.318 propietarios que recibiron case 36.690 títulos de propiedade. Co fin de manter o seu compromiso coas reestruturacións

parcelarias, o Goberno galego destina este ano 24 millóns de euros para seguir avanzando

nestes procesos, que son fundamentais para organizar o territorio e poñelo en valor.



0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page