top of page

Avanza o CIS de Lalín coa impermeabilización das cubertas e a formación de pendentes case acabadas

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

As obras, nas que actualmente traballan 16 operarios, xa acadaron a formación de pendentes en tres das cubertas e está iniciada a da cuberta superior


Laura Moure/Lalín

A Xunta continúa avanzando no Centro Integral de Saúde de Lalín coa impermeabilización das cubertas, a formación de pendentes e a instalación de premarcos para a carpintería practicamente rematados. Na actualidade, os traballos están a centrarse na impermeabilización de cubertas, tendo xa executada a formación de pendentes en tres delas e iniciada a da cuberta superior.

Tamén se instalou a lámina de radón sobre os muros e o forxado do andar baixo e colocouse o illamento do chan de tres cubertas. Ademais, estase acometendo o enfoscado exterior hidrófugo da fachada.

No que se refire á albanelería, estanse executando o pechamento exterior no andar baixo e colocáronse os premarcos para a carpintería exterior. Ademais estase a acometer o recrecido do segundo andar e a disposición do terrazo.

As obras, nas que a día de hoxe están traballando 16 operarios, continuarán nas vindeiras semanas co comezo da instalación eléctrica e o inicio do saneamento de cuberta, así como o remate da súa impermeabilización.

Equipamento de primeiro nivel

Estas instalacións, cun investimento da Xunta de 9 millóns de euros, constan dun centro de saúde e dun punto de atención continuada (PAC) que permitirán pór á disposición dos usuarios un equipamento de primeiro nivel para prestar o servizo de atención primaria. O complexo distribúese en catro andares, en distinta cota: tres destinados ao centro de saúde e o outro ao PAC, que ocupa un dos tres brazos do edificio.

No seu interior, o edificio albergará a área asistencial, con consultas de medicina, enfermería, farmacia, odontoloxía e salas técnicas, de mostras e polivalentes; tamén área pediátrica; de especialidades médicas; e unidades complementarias, como hospitalización a domicilio, atención á muller, saúde mental, rehabilitación e hemodiálise, entre outros. A intervención inclúe unha praza que favorecerá as dúas entradas públicas ao edificio.

O centro dará servizo a 35.000 os veciños dos municipios de Lalín, Agolada, Rodeiro e Dozón, pero tamén ofrecerá certas asistencias aos veciños de Silleda e de Vila de Cruces. Trátase dunha actuación financiada no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da Covid 19.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page