Avanza a parcelaria de Val de Camba coa colocación dos marcos e o proxecto das vías secundarias
Reagrupará 1.854 hectáreas distribuídas actualmente en 7.529 parcelas que quedarán en 1.724 incrementando a súa superficie media de 2.463 m2 a 10.120 m2 e beneficiando aos seus 722 propietarios
Laura Moure/Rodeiro
A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de dar un novo avance ao proceso de concentración parcelaria de Val de Camba, no concello de Rodeiro, xa que ten definida a colocación dos marcos que delimitarán os predios resultantes e está a elaborar o proxecto da rede de camiños secundarios e doutras obras complementarias para que a nova distribución sexa funcional e operativa.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou destes avances na xornada de hoxe tras a súa participación na Xunta Local da Zona de Concentración Parcelaria (ZCP) de Val de Camba, celebrada na casa consistorial coa presenza do alcalde, Rubén Quintá, o xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e os representantes deste grupo de traballo. Na sesión tamén se procedeu a informar o acordo de reestruturación parcelaria para a súa remisión á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

Este organismo realizará a correspondente análise do documento antes da súa aprobación, que será notificada individualmente aos propietarios e posteriormente exposta ao público na páxina web da consellería e na Casa Escola de Río. Así mesmo, haberá a posibilidade realizar consultas previas na oficina agraria comarcal de Lalín.
O Goberno galego, que xa investíu 4,7 millóns de euros neste procedemento entre traballos técnicos e obras, xa dispón, pois, do documento que reestrutura a superficie da ZCP e que delimita as novas parcelas e vén de contratar a colocación dos marcos para a
súa identificación. Estes traballos comezarán nas vindeiras semanas, cando se remate esta fase administrativa, e permitirá que os propietarios procedan á toma de posesión provisional dos seus novos predios sempre que os recursos contra este deseño e reparto de fincas non supere o 6% dos propietarios.
“Hoxe damos un paso fundamental para esta parcelaria, de tanta importancia para un concello tan forte no eido agrogandeiro como Rodeiro, xa que coa colocación dos marcos e coa rede de camiños en vías de facerse, poderíamos chegar pronto a un punto moi desexados polos propietarios como é a toma de posesión provisional dos novos predios”, explicou Luis López.
A concentración parcelaria de Val de Camba ten aprobadas as súas bases definitivas dende o pasado ano tras a resolución e notificación dos 86 recursos presentados e a inclusión na mesma de todos os núcleos rurais, tal e como solicitou o Concello de Rodeiro, e ademais tamén conta coa correspondente enquisa previa ao acordo de deseño do borrador da nova distribución da propiedade.
Deste xeito, a Xunta vén de impulsar xa a fase final dun procedemento que reagrupará 1.854 hectáreas distribuídas actualmente en 7.529 parcelas –o 70% de uso agrícola– que quedarán concentradas en só 1.724, incrementando a súa superficie media dos 2.463 m2
da actualidade a 10.120 m2 e beneficiando aos seus 722 propietarios para unha práctica
máis funcional, cómoda e operativas dos seus labores agrogandeiros, xa que pasarán de
ter 10,4 fincas de media a só 2,3.