Tamén se executaron as labores de cimentación na zona do PAC e do brazo central e están comezando as tarefas de encofrado dos muros
Laura Moure/Lalín
A Xunta avanza nas obras de construción do Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín, finalizando xa integramente a fase de escavación da parcela. As obras, que comezaron en maio, xa permitiron finalizar o baleirado da escavación e na actualidade continúan as tarefas de apertura de noiros para a disposición de zapatas e vigas de atado. Tamén se executaron os traballos de cimentación na zona que ocupará o Punto de Atención Continuada (PAC) e do brazo central.
Nesta semana están comezando os traballos de encofrado dos muros de forxado sanitario na contorna do brazo do PAC. Desde este punto avanzarase cara ao brazo oposto ao dispoñer neste a saída de terras de escavación. A Xunta comezou o pasado mes de maio estas obras, que supoñen un investimento autonómico de nove millóns de euros, e teñen como obxectivo ofrecer aos veciños da comarca de Deza un equipamento sanitario de vangarda a finais do ano 2022.
Avanzan as obras de construción do CIS de Lalín.
O Centro Integral de Saúde de Lalín é o segundo destas novas instalacións sanitarias de referencia que se constrúe en Galicia, logo do que a Xunta está a executar na cidade de Lugo, e aos que pronto se sumará o CIS Olimpia Valencia de Vigo, actualmente en fase de redacción do proxecto.
O edificio está situado nunha parcela de máis de 15.000 m² do Alto de Vales e contará con boas comunicacións, pola proximidade da estrada N-525. O CIS contará cunha superficie de 5.500 m² na que se integrarán un Centro de Saúde e un Punto de Atención Continuada.
Nas súas instalacións haberá área asistencial, área pediátrica, especialidades médicas e unidades complementarias, como hospitalización a domicilio, saúde mental, hemodiálise ou atención á muller.
O obxectivo da Xunta é ofrecer servizos sanitarios de primeiro nivel aos veciños de Lalín, Agolada, Rodeiro e Dozón, ademais de prestar certas asistencias aos veciños de Silleda e Vila de Cruces, beneficiando a máis de 35.000 persoas. O centro será un espazo acolledor, funcional e diáfano que se completará cunha praza que unirá as dúas entradas públicas ao edificio, unha zona verde e preto de 90 prazas de aparcadoiro, tanto para os pacientes como para o persoal sanitario.
O Centro Integral de Saúde de Lalín e comarca de Deza é unha actuación financiada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.
Comments