Ecos da Comarca/Antas de Ulla
Alternativa Veciñal de Antas de Ulla vén de presentar unha moción para ser debatida no seguinte pleno da corporación municipal de Antas de Ulla. O obxectivo: elaborar un plan para loitar contra o despoboamento que sufre (igual que outros moitos) este concello da provincia de Lugo.
"Velaquí unha listaxe de primeiras suxerencias que queremos propor dende Alternativa Veciñal de Antas de Ulla ao pleno da corporación municipal, para o seu debate, ampliación e mellora. É soamente un punto de partida, en todo caso. Contamos con referentes noutros concellos deste tipo de iniciativas", indica María Gontá, concelleira de AVA.

O plan terá como principais obxectivos: loitar contra a fuxida cara outros concellos da poboación moza; atraer novos residentes; apoiar o coidado e mantemento dos servizos públicos básicos ligados á existencia de núcleos de poboación e buscar apoio e colaboración cos concellos limítrofes para levar a cabo estratexias de acción conxuntas e aproveitar os recursos que poidan compartirse para ditas estratexias.
"Algunhas das liñas de traballo máis importantes, ao noso entender, para acadar eses obxectivos, pasan por ser": 1. Promover a rehabilitación e posta en alugueiro de vivendas que actualmente están deshabitadas, empregando os mecanismos que o Concello teña ao seu dispor. 2. Solicitar ao goberno autonómico que promova un plan municipal de rexeneración urbanística para pequenos municipios. 3. Afianzar un compromiso claro por parte do órgano municipal con respecto á cobertura de calidade do servizo de Internet en todos e cada un dos núcleos de poboación do concello 4. Habilitar un espazo coworking, preferiblemente na vila de Antas de Ulla (pola súa comunicación), para que calquera traballador/a do noso concello poida dispor dun espazo de traballo 5. Retomar a tramitación do PXOM, reflectindo no planeamento estratexias de desenvolvemento social e económico.
"Antas de Ulla é o concello da nosa comarca con menor poboación. Non chegamos aos 2.000 habitantes actualmente fronte aos arredor de 3.500 habitantes cos que contan os outros dous concellos da comarca. Por outra banda, temos o índice de poboación máis avellentado novamente dos tres municipios. A idade media dos nosos habitantes é de 56 anos. Esta realidade demográfica non é exclusiva de Antas de Ulla, todos somos conscientes. É un problema de primeira orde en todo o interior de Galicia, pero non por iso debemos deixar de tratar de pórlle solución", recalca a concelleira, María Gontá.
Comments