AVA propón a restruturación da prestación do servizo de taxis para o uso do persoal do centro médico
Esta formación política de Antas de Ulla remitiu un escrito á Subdirección de Atención Primaria do Sergas
Ecos da Comarca/Antas de Ulla
A Alternativa Veciñal de Antas de Ulla (AVA) remitiu un escrito á Subdirección de Atención Primaria do Sergas no cal propón a restruturación da prestación de servizo de taxis para os desprazamentos do persoal médico do centro de saúde da localidade.

"Ao longo do mes de xaneiro abriuse un diálogo entre algúns taxistas da vila de Antas e o noso grupo municipal. O motivo do diálogo era o descontento que estes taxistas tiñan a raíz de como se está a prestar o servizo de desprazamento do persoal médico do centro de saúde. En cada concello realízase dunha forma distinta, non hai un único xeito. E estes taxistas entenden que en Antas se debería cambiar o protocolo, o que AVA entende e apoia", subliña esta formación.
Ademais, recalca que en Antas, "en primeiro termo, chámase aos/ás taxistas federados/as e, unha vez esgotado o servizo destas persoas federadas, recórrese a contratar o servizo co plantel de taxis do concello veciño Monterroso, habendo taxistas non federados de Antas de Ulla, libres nese momento, que poderían realizar o servizo. Non nos parece axeitado por unha cuestión de equidade. Vivimos nun concello pequeno no que hai que coidar estas atencións debido a que é moi difícil, con poucos habitantes, vivir de negocios como o do transporte por taxi". E engade que "por unha cuestión ambiental non é de recibo que se teñan que desprazar taxis percorrendo máis quilometraxe da precisa, cando temos taxis a cincocentos metros do centro de saúde da vila parados; e, por último, por unha cuestión económica para que pagar con diñeiro público máis quilometraxe da precisa?".
Por todo isto, AVA dirixiu o escrito á Subdirección de Atención Primaria do Sergas, así como os taxistas afectados. "E alegrámonos de dicir que estamos a ver xa os primeiros pasos resultado de ditos escritos. Agardamos que se reestruture o servizo en favor de todos e cada un dos taxistas de Antas de Ulla, sen facer diferenzas, como ata o de agora".