Autorización ambiental integrada á construción dunha explotación de cría de preto de 130.000 pitas en Palas
- Laura Moure

- 5 sept
- 2 Min. de lectura
O trámite refírese á implantación dunha instalación promovida por Granxa Campomayor no lugar da Bragaña, nunha parcela de 9,8 hectáreas de superficie
Laura Moure/Palas de Rei
A Xunta resolveu outorgar a autorización ambiental integrada (AAI) ao proxecto que a empresa Granxa Campomayor quere desenvolver para a construción dunha explotación de cría de preto de 130.000 pitas na parroquia de Santa María de Puxeda, no concello de Palas de Rei, poñendo fin así á tramitación ambiental desta iniciativa empresarial.

A resolución emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia co que, superado este fito, o expediente volverá ao órgano substantivo, encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia. Ademais encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento das exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como na propia declaración de impacto ambiental (DIA) e no plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto.
Con este novo paso -froito da análise dunha decena de informes de distintos departamentos implicados e da propia DIA- avánzase na tramitación da iniciativa empresarial para implantar unha granxa de cría de poliñas con capacidade para 129.360 prazas, para a que se construirán distintos espazos como unha nave, unha esterqueira e outras instalacións auxiliares necesarias para o desenvolvemento da actividade.
O proxecto localízase concretamente no lugar da Bragaña, no concello de Palas de Rei, sobre unha parcela de 9,8 hectáreas de superficie constituída como consecuencia da agrupación de arredor dunha trintena de fincas independentes.
Publicidade
Este trámite complétase despois de que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitise a DIA favorable, condicionada ao cumprimento das exixencias recollidas tanto nos distintos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto como na propia DIA co fin de minimizar e compensar os posibles efectos na contorna.
Esa declaración de impacto ambiental foi o resultado de informes sectoriais favorables ou favorables condicionados ao seu desenvolvemento neste concello lucense. Trátase dunha tramitación exhaustiva, rigorosa e garante da preservación dos distintos elementos que é preciso protexer no que se inclúen pautas ao promotor sobre como se debe desenvolver o proxecto para que sexa ambientalmente autorizable e viable, unha cuestión na que incide tamén a autorización ambiental integrada.
Publicidade
A culminación dos trámites ambientais e as correspondentes resolucións favorables non eximen ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente exixibles para a execución e funcionamento do proxecto.








Comentarios