top of page

Asociacións e veciñanza rexeitan Altri en Palas de Rei coma “exemplo de espolio e ameaza” ao territorio

Información, música e reivindicación encheron onte o Mirador da Praza de Galicia


Ecos da Comarca/Palas de Rei

O colectivo Palas Viva da Plataforma Ulloa Viva celebrou onte un acto lúdico reivindicativo no Mirador da Praza de Galicia en Palas de Rei, coincidindo coa celebración das festas na localidade. Centos de veciños e veciñas e até 13 asociacións locais apoiaron coa súa presenza este acto no que non faltou a música para animar a protesta contra a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. Asociacións e Palas Viva leron un manifesto ao remate do acto criticando “a ameaza que mudaría radicalmente este anaquiño da Ulloa” e rexeitando “modelos industriais baseados no espolio e o acaparamento de fondos públicos”.

Ao colectivo Palas Viva sumáronse neste manifesto Alentía teatro, Asociación cultural Agarimo, Asociación cultural Buxaina, Asociación Son d´aldea, Asociación de veciños A Fonte de Merlán, Asociación cultural veciñal e de defensa ambiental Entreportas, Asociación de veciños Ulloa-Sambreixo, Casa das Augas, Centro de Documentación e Interpretación da comarca da Ulloa, a Coral Polifónica de Palas de Rei, Fundación A Eira, Instituto de Estudos Ulloáns, Metátese teatro, a Orde das Donas do Priorato de Vilar das Donas “Os Lobos” e a Rede de Consumo O Careón.


Publicidade


Segundo explican no manifesto, a hipotética instalación da macrocelulosa de Altri-Greenalia “causaría un impacto medioambiental de enormes proporcións”, referíndose ao “inxente consumo de auga nun contexto de diminución dos recursos hídricos debido ao cambio climático” e tamén coma efecto desta macrocelulosa destacaron a “importante contaminación do ar” que segundo reflicten informes de expertos coma o do Consello da Cultura Galega, “repercutirá na saúde da poboación, nos cultivos e demais seres vivos da contorna”.


As asociacións e veciños de Palas de Rei tamén destacaron que a instalación de Altri-Greenalia “provocaría unha mudanza nos usos da terra e na paisaxe ao aumentar de xeito exponencial as plantacións de eucaliptos, materia prima empregada por esta factoría”. En Palas de Rei están tamén preocupados polos efectos “altamente negativos” deste proxecto no tecido socioeconómico do concello “tanto na actividade económica derivada dos Camiños Xacobeos coma a do sector agrarogandeiro poderían sufrir importantes regresións”. Advirten que este efecto provocaría ademáis “perda de poboación nas parroquias”. Dende Palas Viva defenderon neste acto reivindicativo contra Altri “proxectos industriais compatibles cos nosos sectores produtivos e co noso medio ambiente”.


Publicidade

Música reivindicativa

Entre a unha e as tres da tarde, os centos de persoas que se achegaron a esta mesa reivindicativa da Plataforma Ulloa Viva desfrutaron tamén de música a cargo de Palacio do Rei, A Fonte de Merlán, Altruistas de Buxaina, Sonambulum, Peter Garage e os Mecánicos do Rimo e Ruxe Ruxe en acústico.

0 comentarios

Kommentare


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page