Esta iniciativa da Deputación de Pontevedra ten como principal obxectivo potenciar a promoción das mulleres a través de accións formativas
Laura Moure/Deza
Máis de 700 mulleres de asociacións de 19 concellos da provincia, entre eles de Deza, comezan a próxima semana 43 novas accións formativas enmarcadas no programa “Conectadas” da Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa ten como principal obxectivo potenciar a promoción das mulleres a través de accións formativas que este ano se desenvolverán en 53 concellos e contarán coa participación de máis de 4.000 usuarias.
Hoxe, luns 11 de setembro, iniciaranse seis accións. 18 mulleres da Asociación Veciñal Cultural Cortegada (Silleda) e 17 mulleres da Asociación de Mulleres Viúvas Demócratas Europeas de Vigo comezarán cursos de pilates, 17 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais A Sobreira de Callobre (A Estrada) un de xardinería, 16 mulleres da Asociación Veciñal de Fragas (Campo Lameiro) un obradoiro de horta ecolóxica, 17 usuarias de Asociación de Familias de Persoas con Parálise de Vigo iniciarán unha acción de risoterapia, e 26 mulleres da Asociación Cultural Traspés (Vigo) un de artesanía en coiro.
O martes 12 será a quenda doutros nove obradoiros. 17 mulleres da Asociación Mulleres Rurais Os Muíños de Marcón (Pontevedra) formaranse en teatro, 25 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais de Estribela–Lourizán (Pontevedra) en musicoterapia, 13 usuarias da Asociación de Mulleres Rurais San Xoán de Santeles (A Estrada) en xardinería, 15 mulleres da Asociación Española Contra o Cancro de Marín e 12 da Asociación Agarimo (Vigo) iniciarán cadanseu curso de ioga; 19 usuarias do Comité para a Xestión de Proxectos Europeos do Concello de Silleda un de relaxación; 13 mulleres da Asociación Mulleres en Igualdade de Cercio (Lalín) un curso de alfabetización dixital I; 21 usuarias da Asociación Studio 88 (A Guarda) un obradoiro de pilates, e 14 da Asociación O Freixo (Vigo) un curso de atención plena.
O mércores 13 de setembro 12 mulleres da Asociación Mulleres Rurais Sementeira (Redondela), 13 da Confraría de San Martiño do Grove e 22 da Asociación de Veciños Praza da Miñoca (Vigo) comezarán cursos de pintura. Ademais, 17 mulleres da Asociación de Veciños San Esteban de Oca (A Estrada), 15 usuarias do Centro Social Cultural e Recreativo de Cedeira (Redondela) un de xardinería, 16 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais de Caselas (Salceda) unha acción de administración electrónica, e 15 usuarias da Asociación Veciñal San Vicente de Canedo (Ponteareas) un obradoiro de atención plena.
O xoves 14 de setembro terán lugar 10 inicios. 25 mulleres da Asociación Cultural O Gato (Cangas) comezarán un curso de poda e tarefas do campo, 25 mulleres da Asociación de Mulleres Intercambio do Saber (Marín) un de musicoterapia, 12 mulleres da Asociación de Veciños Cabreira-Xerme-Salva (Salvaterra de Miño), 13 usuarias da Asociación Recreativa e Cultural de Guizán (Mos) e outras 16 da Asociación Centro Veciñal e Cultural de Valadares (Vigo) avanzarán na súa alfabetización dixital. Ademais, 14 mulleres da Asociación de Veciños San Roque (Vigo) formaranse en costura de retallos, 21 usuarias da Asociación de Mulleres Rurais O Mouriño de Corón (Vilanova de Arousa) inician un curso de pilates, 14 da Asociación Mulleres en Igualdade de Santiso (Lalín) un obradoiro de atención plena, 12 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais A Torre da Barreira de Riobó (A Estrada) inícianse na personalización de álbums e 12 mulleres da Rede de Mulleres Veciñas Contra os Malos Tratos de Vigo comezan un curso de sendeirismo.
Publicidade
O venres 15 de setembro comezarán outras sete accións. 25 mulleres da Asociación de Veciñas e Veciños Ameixoa (Salceda de Caselas) comezan un curso de ximnasia, 14 da Asociación de Veciños de Beade (Vigo) un de horta ecolóxica, 20 usuarias da Asociación Cidadelle (Redondela) un obradoiro de poda e tarefa de campo, 15 da Asociación de Mulleres Rurais As Aceñas (Vilanova de Arousa) un de pilates, 14 usuarias do Centro Cultural e Social de Heville (Mos) e 24 mulleres da Asociación Albor (Valga) iniciaranse na relaxación, e 18 da Asociación de Mulleres de Cabral Rosalía de Castro (Vigo) na artesanía en coiro.
O sábado 16 será a quenda doutros tres inicios de cursos: 19 mulleres da Asociación de Mulleres de Seixido (A Lama) comezarán un de pintura, 13 da Asociación de Veciños Caselas (Salceda) un de poda e tarefas do campo e 25 usuarias da Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama (Moaña) un de sendeirismo. Por último, o domingo 17 de setembro 16 mulleres da Asociación Veciñal Emilio Crespo de Navia (Vigo) darán comezo a un curso de sendeirismo.
Publicidade
Este ano participan en “Conectadas” 219 entidades de 53 concellos da provincia. Os colectivos puideron escoller entre 30 obradoiros ofertados dentro de cinco bloques temáticos: “Emprende, iniciativas sostibles para o emprego”, “ExpresARTE”, “Conéctate”, “Sementa sostibilidade” e “O teu momento. Coidado e benestar”. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade entre homes e mulleres e teñen unha duración de 35 horas.
Comments