Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Asestan un novo golpe contra o tráfico de drogas nas comarcas de Deza e Tabeirós

Desarticulan unha organización criminal que se dedicaba á distribución de substancias estupefacientes, con base na Bandeira e son detidas 11 persoas


Ecos da Comarca/Deza

A Garda Civil e a Policía Nacional desarticularon un grupo criminal organizado que viña dedicando á venda e distribución de substancias estupefacientes, que tiña a súa base na localidade silledense de A Bandeira. Un total de once persoas foron detidas ou investigadas no norte da provincia de Pontevedra por efectivos do Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Lalín e o Grupo 2 de Greco-Galicia, pertencente á Policía Nacional. Acúsaselles dos delitos de tráfico de drogas e branqueo de capitais.


As investigacións, que levaron a cabo no marco da denominada operación “Deza-Consolación”, iniciáronse no ano 2018 cando se detecta a un grupo de persoas que se dedicaban á venda e distribución de drogas na provincia de Pontevedra, aínda que sería en 2021 cando se centran as pescudas sobre un clan familiar asentado na localidade de Bandeira (Silleda), con amplos antecedentes por tráfico de drogas e tenencia ilícita de armas. Este clan familiar estaba dirixido por unha septuaxenaria, a nai dunha persoa que, en outubro de 2020, fora detida na provincia de Lugo con 560 quilos de cocaína. A través das investigacións e os resultados dos rexistros que se efectuaron en varios domicilios en Silleda e A Estrada, os investigadores concluíron que o matrimonio que residía no domicilio de Bandeira, era o responsable de adquirir os estupefacientes, en cuxa vivenda se procedía ao corte, fraccionamento e empaquetado das substancias, que gardaban e almacenaban nun arcón conxelador.


Este conxelador, de onde se fornecían directamente os distribuidores da droga, estaba situado nun anexo da vivenda e utilizábano tamén para o depósito de comida para os animais. Nos rexistros realizados interviñéronse: 1397gramos de cocaína; 226, de haxix e 282 gramos de marihuana, unha prensa hidráulica, cinco básculas de precisión, unha máquina contadora de diñeiro e 10.800 euros en billetes fraccionados. Tamén se incautaron: sete vehículos de alta gama, oito teléfonos móbiles e numerosa documentación referente ao branqueo de capitais, cuxo montante pode superar os 400.000 euros, ademais dunha decena de armas, das cales polo menos cinco son prohibidas e ilegais, e un gran número cartuchos de arma curta de diferentes calibres.

A organización xestionaba igualmente un negocio relacionado coa compravenda de vehículos de motor, o que lles permitía dispoñer dun gran número de vehículos e alternar o seu uso, dificultando así o labor policial. Neste mesmo negocio era empregado como “tapadeira”, dando cobertura legal aos suculentos beneficios obtidos con esta lucrativa actividade.

Para o desenvolvemento de tal dispositivo, contouse co apoio dun gran número de unidades de ambos os Corpos, entre as que destacan, a Unidade de Seguridade Cidadá (USECIC) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, o Grupo de Reserva e Seguridade número 7 da Garda Civil con sede en Pontevedra ( GRS-7) e membros do Servizo Cinológico do mesmo Corpo. A investigación foi dirixida pola titular do Xulgado de Instrución nº 2 da Estrada (Pontevedra) e a Fiscalía de Pontevedra e culminou coa desarticulación desta complexa organización criminal e ao desmantelamento de preto de media ducia de puntos de venda e distribución de drogas, nas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, na provincia de Pontevedra.




807 visualizaciones0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE