As tradicións vívense no 9º Encontro entre Centros de Entroido de Vila de Cruces
- Laura Moure

- 8 feb
- 2 min de lectura
Participaron o IES Marco do Camballón, o CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade e o CEIP Plurilingüe Cerdeiriñas
Laura Moure/Vila de Cruces

O Auditorio Municipal Xosé Casal acolleu o venres o 9º Encontro entre Centros de Entroido do Concello de Vila de Cruces, coa participación do IES Marco do Camballón, o CEIP
Plurilingüe Nosa Señora da Piedade e o CEIP Plurilingüe Cerdeiriñas. Esta actividade
converteuse nunha oportunidade para fomentar a convivencia entre centros educativos
e poñer en valor as tradicións do Entroido. O acto contou coa presenza de Moros, Frades e Alcaldes, así como de catro parrandas, que amenizaron a xornada co seu
ritmo e cor característicos.
Publicidade
O ano 2026 é especial, xa que se cumpren 50 anos da primeira aparición dos Xenerais.
Nesta edición, o alumnado do IES Marco do Camballón participou por primeira vez nas funcións de Xenerais, protagonizando a apertura da celebración que tamén encabezarán na cita do concello o martes de carnaval, 17 de febreiro. Xunto a eles participaron os estudantes do CEIP Plurilingüe Cerdeiriñas, mantendo viva a tradición entre as novas xeracións.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

O peche estivo a cargo dos regueifeiros, que ofreceron unha actuación de improvisación e humor que completou a xornada con diversión e emoción para o público. Desde a organización destacouse a colaboración da Asociación do Entroido de Salgueiros, do Vello dos Cornos de Merza, das Cornamentas de Piloño e do Concello de Vila de Cruces, fundamentais para garantir a continuidade desta festa e a transmisión cultural ás novas xeracións.
Publicidade
Este encontro reafirma o compromiso dos centros educativos e da comunidade local por manter viva a riqueza do Entroido, promovendo a participación do alumnado e a implicación de toda a veciñanza nunha das festas máis emblemáticas de Vila de Cruces.








Comentarios