Fonte: Ecos da Comarca
Laura Moure/Palas de Rei
Os ríos da comarca da Ulloa caracterínzase pola calidade das súas augas. E proba disto é a existencia dunha gran diversidade de especies que se atopan nestes paraxes. Unha destas mostras son as espectaculares Torrentes de Mácara, situadas entre os municipios de Palas de Rei e Agolada.
Tal e como se pode aprezar no panel informativo que dá a benvida a este paraxe, neste lugar atopan o seu fogar non só as especies fortemente ligadas á auga, senón tamén animais que precisan a tranquilidade e a natureza ben conservada das ribeiras. Porque o certo, é que a tranquilidade que esconden estas torrentes convírtenas nun marabilloso lugar para desconectar e para recargar as pilas rodeados dun tesouro completamente natural.
A transformación da paisaxe rural galega foron deixando estes espazos como testemuños da natureza orixinaria da nosa querida terra e convertendo aos ríos en corredores ecolóxicos de enorme importancia. Lugares así, como ben di este panel informativo, non son soamente paisaxes fermosas, son ademais fundamentais para a saúde desta comarca e por suposto, contribúen a darlle forza e valía á ben chamada Galicia calidade.
Este lugar está próximo ao castelo de Pambre e nestas augas celebráronse varias edicións da Copa Galega de Kaiak Extremo.
Varandas
Cabe lembrar que en días pasados o Concello de Palas de Rei actuou na ruta de sendeirismo das Torrentes de Mácara, onde se instalaron varandas de protección en varios puntos, así como levou a cabo a limpeza e consolidación das zonas en mal estado tralo paso do inverno. Os traballos foron executados pola brigada de obras do Concello.
Comments