As Tanxugueiras e Celtas Cortos actuarán no San Roque de Melide
- Laura Moure / IsmaelRS
- 29 jun 2024
- 2 Min. de lectura
As mellores orquestas pasarán por esta localidade do 14 ao 21 de agosto
Laura Moure/IsmaelRS/Melide

Melide prepárase para unha nova edición das tradicionais Festas de San Roque, do 14 ao 21 de agosto. O cartel da presente edición presentouse este venres na Casa do Concello de Melide. A festa está organizada pola Asociación de Festas de San Roque, co apoio do Concello de Melide e da Deputación da Coruña.
O mércores 14 de agosto, a programación incluirá o concerto dos veteranos Celtas Cortos. Tamén haberá espazo para a música tradicional, coas actuacións de Os Melidaos
e de Xascariz, o proxecto do gaiteiro Suso Ascariz.
O xoves 15, as festas continúan coa célebre orquestra EL Combo Dominicano. Complementará a actuación Mekanika Rolling Band, unha animada charanga de Negreira
gañadora do Cantalingua 2022.
Ao día seguinte, venres 16, a festa prosegue coa esperada actuación da orquestra Panorama. Ademais, a Banda de Música de Visantoña ofrecerá un concerto do seu amplo repertorio. Se quedan forzas, os Festicultores Troupe traerán o espectáculo máis gamberro para pór a todos os asistentes a bailar ao ritmo dos seus ocorrentes temas.
Publicidade
O sábado 17, o San Roque continúa cun repertorio diverso que deixa un importante espazo para o tradicional e para grupos locais. Despois do concerto da orquestra Fuerza
Nueva, Melide vibrará coas Tanxugueiras. Actuarán tamén a Coral Polifónica de Melide e
o grupo Froito Novo.
O domingo 18, o Día do Río, será a quenda da afamada orquestra París de Noia. Completan a programación a Banda de Música de Arzúa e mais a charanga Ardores.
O luns19, a programación inclúe as actuacións do Grupo Bomba, a formación melidá
tradicional Herba Grileira e a veterana orquestra Los Satélites.
Publicidade
Pola súa banda, o martes 20, actuarán Louband, a Banda de Santa Cruz de Ribadulla e a orquestra Olympus.
O mércores 21, co motivo do Día do Neno, haberá descontos e actividades para os máis
pequenos da casa.
Dende o Concello de Melide convídase a toda a cidadanía a desfrutar dunha nova edición das célebres Festas de San Roque, cunha programación diversa e para todos os gustos.
Comments