As Tanxugueiras actuarán na Foliada de Melide
Esta cita musical con tanta tradición volve os días 23 e 24 de abril
Laura Moure/Melide
Para alegría de moitos unha das citas musicais máis importantes de Melide volve tras o parón provocado polo pandemia. Este xoves confirmábanse as datas: será o 23 e 24 de abril. Pero hai uns minutos a organización tamén avanzaba a primeira das actuacións que non deixará a ninguén indiferente e que máis dun xa está desexando escoitar. Estamos falando das Tanxugueiras! Si, actuarán en abril en Melide!

"Chámanse Olaia, Aida e Sabela e son a revelación da fusión da música tradicional. Mulleres fortes, valentes e empoderadas que nos encheron de orgullo na súa participación no Benidorm Fest. Si son Tanxugueiras e estarán na Foliada de Melide o domingo 24 de abril. O horario e lugar serán confirmados nos vindeiros días", sinala a organización.
Desta forma, Melide recupera, logo de tres anos sen celebrarse, a súa tradicional Foliada, unha das máis representativas do territorio nacional. A XV edición manterá o seu formato orixinal, coa celebración na xornada do sábado dos tradicionais Cantos de Taberna
pola zona vella de Melide, e o Serán, no que participarán grupos de toda a comarca, tal e como informa o Concello.
Ademais, ao longo da fin de semana celebrarase a mostra de artesanía, obradoiros e actos para todos os públicos nos que a música tradicional será a protagonista. "Aida Tarrío, Sabela e Olaia Maneiro, Tanxugueiras, serán as protagonistas da xornada do domingo. O trío recolle o legado das padeireteiras que traballaron por manter viva a música tradicional galega. Avaladas por éxitos como Midas, Figa, Averno ou Terra (con máis de 11.000.000 de escoitas en plataformas dixitais), tema co que se alzaron como as favoritas do público no Benidorm Fest, chegan a Melide", subliña o Concello.
Nas vindeiras datas o Concello anunciará a programación completa da Foliada, na que Melide converterase en referencia da música tradicional.