Polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón e esta semana pode doarse hoxe en Silleda e o sábado en Lalín
Laura Moure/Xeral
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) convida a cidadanía galega a doar sangue nos días previos aos festivos de Semana Santa, en especial aos doantes A Positivo e 0 Positivo. As reservas destes dous grupos sanguíneos presentan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS.

En moitos dos labores asistenciais que se realizan a diario nos hospitais de Galicia son imprescindibles os compoñentes sanguíneos. En períodos vacacionais, como Semana Santa, pode baixar o número de doazóns, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que precisan os centros sanitarios. Por iso, é imprescindible a xenerosidade e altruísmo de toda a cidadanía, polo que ADOS solicita un esforzo especial para incrementar as reservas de sangue. Neste sentido, lembrar que durante todos os días do ano, precísanse entre 400 e 500 doazóns de sangue para que os hospitais galegos realicen o seu labor asistencial de maneira axeitada.
Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

As distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán nestes días máis de 40 concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia. ADOS espera contar de novo coa solidariedade da cidadanía galega nos seguintes desprazamento, entre eles, hoxe, luns, pode doarse en Silleda e o sábado, día 16, en Lalín. Toda a información no enlace:
Comments