As pioneiras do fútbol en Silleda, protagonistas de (In)visibles do mes de maio
- Laura Moure

- 22 may
- 3 min de lectura
O Concello rende homenaxe ás mulleres que no ano 77 vestiron por primeira vez a camiseta da SD Silleda para disputar un histórico partido feminino entre Silleda e A Estrada
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda dedicará unha nova entrega do programa (In)visibles ás pioneiras do fútbol feminino no municipio, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional do Fútbol Feminino, que se celebra o vindeiro sábado 23 de maio, e nunha fin de semana especialmente simbólica para o deporte local, xa que a SD Silleda celebra tamén os seus 50 anos de vida na mesma xornada.
A iniciativa busca recuperar e poñer en valor a historia dun grupo de mulleres que en 1977 abriron camiño no deporte local vestindo por primeira vez a camiseta da SD Silleda, participando nun encontro histórico entre mozas de Silleda e da Estrada. Aquel partido, organizado pola mocidade da vila, quedou gravado na memoria colectiva ao ser a primeira vez que as mulleres se xuntaban para disputar un encontro de fútbol.

(Pé de foto: Na fila de abaixo, agachados, de esquerda a dereita: Rosa Lorenzo, Mercedes
Cortes, Calúa Ramos, Isabel Varela, Loli Ramberde, Marvi Pérez, Luis García, David García, Teófilo García, Lito Lázara e Alfonso Castro. Fila intermedia, de pé, de esquerda a dereita: Mª del Carmen Rodríguez, Isabel Fernández, Silvia Fernández, Nito Castro, Loli López, Pili Lorenzo, Eva Fernández, Rosina Vecino, Rosa Domínguez, Marité Iglesias, Dolores Fernández e Manuel Barcala. Na última fila, de esquerda a dereita: José Fernández (Roucho), persoa sen identificar, Sara Caramés, Geni Capinel, Ángel Llorente (Gelo), José Ramón Castro, Esther Carballo,Sara González e Pepe Luis García).
Foi unha xornada intensa, chea de expectación e tamén de emoción, que rematou cunha tanda de penaltis na que finalmente se impuxo o conxunto local de mozas silledenses, acadando unha lembrada e sonada vitoria. Máis alá do resultado, aquel encontro converteuse nun símbolo dun tempo no que as mulleres comezaban a ocupar espazos que durante décadas lles foran alleos, tamén no ámbito deportivo.
Con esta homenaxe colectiva, o Concello de Silleda quere recoñecer a todas aquelas mulleres que deron un paso adiante nun momento no que o fútbol feminino estaba lonxe de contar coa visibilidade, a normalidade e o recoñecemento social que ten hoxe. Mulleres que xogaron, que se atreveron, que romperon inercias e que, sen sabelo, contribuíron a abrir camiño ás xeracións posteriores.
A alcaldesa, Paula Fernández, destaca que esta nova entrega de (In)visibles “é unha homenaxe necesaria, xusta e moi emocionante a un grupo de mulleres que forman parte da historia deportiva e social de Silleda”. A rexedora sinala que “cando falamos de pioneiras, falamos precisamente delas: de mulleres que nun tempo no que case todo estaba por facer no deporte feminino, decidiron poñerse unhas botas, vestir unha equipación e saír ao campo”.
PUBLICIDADE
Fernández subliña que “aquel partido entre Silleda e A Estrada foi moito máis ca un encontro de fútbol”. “Foi unha mostra de valentía, de ilusión e de liberdade; unha desas pequenas grandes historias que axudan a explicar como foi mudando a sociedade”, engade.
A alcaldesa lembra tamén que “hoxe vemos con normalidade que as nenas e as mulleres xoguen ao fútbol, compitan, destaquen e sexan referentes, pero iso foi posible porque antes houbo outras que abriron camiño”. Neste sentido, incide en que “as mulleres que participaron naquel partido merecen ocupar un lugar destacado na memoria colectiva de Silleda”. A coincidencia desta homenaxe co aniversario da SD Silleda outórgalle, ademais, un significado especial. “A SD Silleda cumpre 50 anos de vida e dentro desa traxectoria tamén hai historias coma esta, que forman parte da identidade do club e do noso pobo”, sinala Paula Fernández. “É un bo momento para mirar atrás con orgullo e para recoñecer tamén a pegada daquelas mulleres que, por un día, fixeron historia vestindo as cores da Sociedade Deportiva Silleda”, apunta.
PUBLICIDADE
O programa (In)visibles, impulsado polo Concello de Silleda durante este mes de maio, ten como obxectivo visibilizar a mulleres e historias que contribuíron ao avance social, cultural e comunitario desde ámbitos moi diversos. Nesta ocasión, a mirada céntrase no deporte e nun episodio que, décadas despois, segue a emocionar ás súas protagonistas e a quen conserva na memoria aquela xornada.
Con esta nova acción, o Concello reafirma o seu compromiso coa igualdade, coa recuperación da memoria local e co recoñecemento das mulleres que fixeron historia desde a proximidade, moitas veces sen ocupar titulares nin recibir homenaxes, pero deixando unha pegada fundamental.








Comentarios