Este luns procedeuse á renovación do firme nos tramos de Morón e Condes do Deza
Laura Moure/Silleda
As obras da segunda fase da Rede de Calor con Biomasa de Silleda están xa recta final. Logo de levar a canalización ata a Casa da Cultura, a empresa concesionaria iniciou na xornada deste luns os traballos de reposición nas rúas afectadas. Así, procedeuse a aglomerar o tramo aberto na rúa Morón, e a renovar todo o firme no tramo de Condes do Deza.
Na xornada deste mércores está previsto que se volva a restrixir o tráfico nestes dous tramos para proceder ao pintado dos mesmos, situación que se volverá a comunicar mediante a colocación de avisos para persoas residentes e usuarias. No caso da rúa Condes do Deza, este tramo quedará cun só sentido de circulación, complementando a humanización do entorno, no tramo que vai dende Progreso ata a praza Mestre Mateo, seguindo este mesmo sentido.
Esta medida permitirá ademais establecer prazas de aparcamento en batería en ámbalas dúas marxes da rúa. Accederase pola rúa Progreso podendo desviarse pola Morón (que quedará como está con dous sentidos) ou continuar cara a rúa da Estación.
Con estas actuacións, complementarase o proceso de humanización do centro da vila que se está a acometer no tramo de Progreso, con traballos cofinanciados polo Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE), e cun investimento de máis de 600.000 euros.
As actuacións propostas están recollidas no Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello de Silleda, coa creación de beirarrúas máis amplas, creando un tramo totalmente accesible, e no que as persoas teñan máis protagonismo.
O proxecto non só busca mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria senón tamén crear espazos de calidade ambiental nunha rúa que é indiscutiblemente o corazón da capital municipal de Silleda. Parte da superficie de estacionamento vaise a peatonalizar con esta reforma, ca que se propón un modelo de plataforma única eliminando ademais as barreiras arquitectónicas existentes.
Ademais, tamén se peonaliza a praza Siñor Afranio, eliminando a conexión da rúa Cartaxena ca Progreso, e conectando a Cartaxena ca rúa Antón Alonso Ríos. Esta actuación suporá ademais a renovación de todo o mobiliario urbano, contando tamén con máis luminarias, que pasan de 37 a 66 unidades, con maior eficiencia enerxética.
38 árbores
Colocaránse tamén 38 árbores, repartidas entre a rúa e a praza Siñor Afranio, papeleiras e bancos novos, que no caso dos situados na praza serán desmontables para a celebración de eventos ou concertos. Tamén están en marcha dende o pasado venres os traballos para a dotación dun gran parquin público na mazá que forman as rúas Progreso, Morón e Condes do Deza, que virá a aportar unha bolsa de aparcamento no centro da vila, onde tamén se gañan espazos co estacionamento en batería na Condes do Deza.
Comments