As mandatarias de Antas e Silleda participan no Encontro de Alcaldesas “Tomando decisións para cambiar o mundo”
- Laura Moure
- 2 oct 2024
- 3 Min. de lectura
Tivo lugar na Coruña e asinaron a II Declaración de María Pita
Laura Moure/Silleda/Antas de Ulla
A Coruña acolleu onte o II Encontro de Alcaldesas baixo o título 'Tomando decisiones para cambiar el mundo', promovido pola alcaldesa, Inés Rey, para a posta en valor do liderado político das mulleres na administración local. Rey presidiu a recepción institucional no Palacio de María Pita ao que acudiron 32 alcaldesas de Galicia e España, entre as que se atopaban das comarcas a de Antas de Ulla, Pilar García Porto, e a de Silleda, Paula Fernández Pena.
Do mesmo xeito que na primeira edición do encontro Rey convocou ás mulleres alcaldesas de capital de provincia, comunidade autónoma e máis de 100.000 habitantes para acordar unha declaración conxunta. Neste 2024, dez alcaldesas estatais asinaron o documento no que se compometen a loitar pola igualdade dende as institucións. As alcaldesas que asinaron son: Carolina Darias, alcaldesa de Las Palmas de Gran Canaria; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; Amaia del Campo, alcaldesa de Barakaldo; Miriam Andrés, alcaldesa de Palencia; Parricia Caavada, alcaldesa de San Fernando; Aínda Castilleja, alcaldesa de Rivas Vacia-Madrid; e Sandra Guaita, alcaldesa de Reus.

A rexedora convidou ás alcaldesas galegas a adherirse á Declaración de María Pita sendo asinada por un total de 23 gobernadoras das catro provincias no acto da mañá. "En total, as mulleres que hoxe estamos neste Salón de Plenos, representamos a case 2 millóns de persoas" explicou Inés Rey, quen lle agradeceu o apoio: "Hoxe volvemos comprometernos coa igualdade desde os nosos concellos para traballar por cidades seguras, inclusivas, que incorporen a variable de xénero no seu deseño, economía e forma de liderar. E volvemos comprometernos co feminismo como foro presente na nosa acción de goberno" concluíu.
Xornada de tarde, aberta ao público e dispoñible en streaming
O II Encontro de Alcaldesas continuou pola tarde cun evento aberto á cidadanía no Palacio de Congresos e Exposicións de PALEXCO, e retransmitido en streaming a través do Youtube do Concello da Coruña. A apertura institucional contou coa intervención da alcaldesa, Inés Rey, xunto coa Conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Fabiola García, e a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda do Goberno de España, María Jesús Montero. Xa despois comezarán as relatorías conducidas pola xornalista Marta Fernández e contará con dúas mesas redondas.
Unha primeira baixo o título "Mujeres en el poder local: nuevas políticas en las agendas del cambio" moderada pola abogada e escritora Cruz Sánchez de Lara e na que participarán Carolina Darias, alcaldesa de Las Palmas de Gran Canaria; Miriam Andrés, alcaldesa de Palencia; Amaia del Campo, alcaldesa de Barakaldo; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; e Candelaria Testa, alcaldesa de Alcorcón.
A xornada continou co debate "La ciudad de las mujeres: trabajando desde el espacio urbano para la innovación local" moderada pola xornalista Anabel Díez. Na mesma interviron como relatoras Aida Castillejo, alcaldesa de Rivas-Vaciamadrid; Sandra Guaita, alcaldesa de Reus; Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo; e Patricia Cavada, alcaldesa de San Fernando.
Rematou cunha relatoría moderada pola xornalista galega Ainhoa Apestegui na que a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, analizou as conclusións do encontro xunto coa alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo, a rexedora máis xoven de Galicia e España.
“As mulleres que lideramos gobernos locais temos a responsabilidade e a forza para promover cambios reais que melloren a vida da cidadanía e construír espazos máis xustos para todas e todos,” dixo Paula Fernández.
Publicidade
Este evento cobra unha importancia especial tendo en conta que, en 2023, só o 23,2% das Alcaldías en España están ocupadas por mulleres. En Galicia, a representación feminina é aínda menor, con aproximadamente o 19% dos municipios liderados por mulleres. “A pesar destas cifras, as alcaldesas estamos a demostrar que liderar desde unha perspectiva feminista é clave para transformar a sociedade,” dixo a mandataria silledense.
Fernández Pena destacou que as mulleres son as protagonistas deste cambio: “As mulleres lideramos a transformación social que necesitamos, desde os concellos e con políticas inclusivas e xustas. Iniciativas como a Declaración María Pita unen a nosa forza e visión para construír un futuro mellor”, engadiu.
Cabe mencionar que nas comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, ademais das alcaldesas de Silleda e Antas hai outra rexedora, María Jesús Novo de Boimorto.
Comments