As inscricións para cursos de natación en Silleda e na Bandeira, a partir do luns ás 12:00 horas
- Laura Moure
- 28 jun 2024
- 2 Min. de lectura
As clases, para a rapazada a partir de 5 anos, e para persoas adultas, iniciaránse o día 3
Laura Moure/Silleda
As piscinas municipais de Silleda, con dous recintos en Silleda e na Bandeira, abrirán ao público o vindeiro luns día 1. Xa dende esta primeira xornada poderán realizarse tamén as inscricións para os cursos de natación co propio persoal de socorrismo (a partir das 12:00 horas), tanto nas piscinas de Silleda como nas da Bandeira. O horario dos cursos será como nos últimos anos pola mañá dende as 12:00 horas e establecerase en función do número de quendas necesarias para a realización dos mesmos. Ao igual que o ano pasado, tamén se ofrecerán cursos de ximnasia na auga para persoas adultas.

Os cursos de natación para nenos e nenas (a partir de 5 anos), serán os luns, mércores e venres de 12:00 a 14:15 horas. Para os maiores, os martes e xoves tamén no mesmo horario. As clases comezarán o mércores día 3. O prezo dos cursos é -no caso de persoas abonadas- de 3 euros ao mes en infantil e 9 euros para persoas adultas. Os que non dispoñan de bonos pagarán 20 euros/mes.
Estes bonos, para todo o verán xa se están a vender nas dependencias do Concello de Silleda, (planta baixa mostrador de Benestar) dende o pasado martes. O prezo será, para os residentes no municipio, de 20 euros, e de 16 euros para nenos ata os 16 anos. Para os non residentes, os bonos de adulto custan 35 euros e os de nenos 25 euros.
Publicidade
Así mesmo, as persoas que estean empadroadas no municipio de Silleda poderán mercar bonos familiares. Por cada persoa que figure como titular da familia abonaránse 10 euros; se se inclúe un fillo este pagará 16 euros; se son dous fillos, o segundo paga 8 euros, e a partir do terceiro fillo, este último non pagará.
Publicidade
Horario de apertura
As piscinas abrirán ao público a partir das 14:30 e ata as 20:30 horas, de luns a venres. Os sábados, domingos e xornadas festivos, o horario será de 15:00 a 20:30 horas. O custe da entrada ao recinto será de 1 euro por día, tal e como recolle a ordenanza da taxa polo uso de instalacións deportivas, e abonarase nas propias instalacións.
Comments