En distintos recunchos das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa conmemoraron esta xornada con distintas actividades
Laura Moure
Hoxe, como cada 8 de marzo, celebrouse o Día Internacional da Muller. Esta data conmemora a loita da muller pola súa participación na sociedade e o seu desenvolvemento íntegro como persoa, en pé de igualdade co home.
Os distintos municipios acolleron hoxe distintas actividades que en algún concello xa arrancaron hai días e noutros aínda seguirán nos vindeiros. Houbo concentracións como a liderada por Azos Feministas en Lalín ou por Levedar Colectivo Feminista en Vila de Cruces. Varios Consistorios optaron por lucir pancartas, como os de Palas de Rei, Rodeiro ou Vilas de Cruces, para reivindicar a igualdade e outros Concellos, como Lalín ou Agolada, por iluminar de morado algúns dos seus edificios públicos ou estatuas. A capital dezana tamén albergou un posto informativo ou a entrega dos Premios Maruja Gutiérrez. No caso de Monterroso ou Touro fíxose entrega de bolsas con frases reivindicativas e Vila de Cruces e O Pino decantáronse pola creación de vídeos, mentres que en Arzúa centráronse nos estereotipos de xénero dando voz a varios rapaces e mozos. E por suposto, tamén houbo cabida para a lectura de manifestos, como o que se leu ás portas do consistorio de Sobrado dos Monxes.
Estes son só algunhas das mostras da celebración deste día tan importante para as mulleres, pero agora o importante e seguir loitando os 365 días do ano!
Comments