As floristerías fan o seu agosto e sobre todo, venden plantas naturais para o Día de Defuntos
Laura Moure/Xeral
As floristerías fan por esta época o seu agosto. A campaña do Día de Difuntos é a mellor de todo o ano e nela traballan ao longo dos últimos meses. Os cemiterios estes días rebosan colorido e sobre todo, entre hoxe e mañá están moi concorridos. Os familiares veñen, limpan as lápidas e deixan flores, algo que se debería facer máis a miúdo e non só unha vez ao ano.
A maioría das persoas optan nesta época por flores naturais e especialmente polas coñecidas como plantas de defuntos. As flores máis populares de Defuntos son o crisantemo, o gladiolo, o clavel, a rosa e a cala. O prezo das plantas en xeral situánse entre os 7 e os 11 euros.

"A xente opta sobre todo polo tamaño medio porque din que se chove as grandes estropéanse con maior facilidade e tamén porque busca o máis económico", indica Chus Moure, dependenta dunha tenda de Melide. Ademais, sinala que nestes días vendéronse unhas 200 plantas e as cores máis comúns foron a amarela e a branca. "Aínda que a verdade tamén nos viñeron granates e vendéronse ao momento".
Tamén nos conta que hai xente que se decide por centros de flores artificiais, xa que esta é unha maneira de que os seus difuntos teñan flores todo o ano, porque moitas veces os familiares atópanse fóra e non poden visitar asiduamente os camposantos.
A festividade
O Día de Difuntos ou Día dos Fieis Difuntos, tamén coñecido como a Conmemoración de Todos os Fieis Difuntos, é un día festivo relixioso católico que se celebra en memoria dos falecidos e as almas que se atopan en estado de purificación no Purgatorio. Conmemórase, coma todos os anos, mañá, día 2 de novembro.