As festas de verán voltan a Silleda xunto ca Festa do Lacón da man dunha nova comisión
Os dous grupos traballarán de forma conxunta para realizar estas celebracións do 7 ao 10 de xullo
Laura Moure/ Silleda
As festas de verán voltan a Silleda despois de dous anos de paréntese por mor da pandemia cun novo grupo organizador. Así, este mércores celebrouse a primeira xuntanza entre a comisión, directivos da Asociación Cultural O Lacón, que organizan a festa gastronómica do venres 8, e o Concello, de cara a avanzar na organización do programa. Os festexos extenderanse dende o xoves 7 de xullo ata o domingo día 10, con atractivas propostas musicais e lúdicas nas que xa se está a traballar dende o grupo organizador.

Así mesmo, o venres día 8, xornada festiva local no municipio de Silleda, tamén se retoma a Festa gastronómica do Lacón, na praza de Juan Salgueiro.
No grupo de organización das festas figuran Néstor López Maceda, Luis Alberto Lázara, Alfonso Vázquez Trabazo e Diego Pérez Filloy, entre outros. Dende a Asociación Cultural O Lacón, que ten participado nos últimos anos tamén na organización dos festexos xunto a outros colectivos, apoiarase tamén a este novo grupo que asume o reto “con ilusión e ganas de traballar para seguir dinamizando o pobo de Silleda e ofertar actividades para todos os públicos”.

Dende o Concello, a concelleira de Cultura, Mónica González, agradece a disposición e o traballos tanto da nova comisión, por poñerse ao frente, como da Asociación Cultural O Lacón, que preside Luis González Abal, para deseñar en colaboración co Concello un programa festivo para volver a disfrutar das Festas de Verán.