top of page
Perruquería Marisa.gif

As festas de Agolada inclúen unha programación variada e contan cun orzamento duns 30.000 euros

Ricardo Varela, David Coego, Tamara Rivas, Oliva Areán, Bieito Fernández, Sebastián Sarandeses e Iván Sánchez forman a comisión


Laura Moure/Agolada

A comisión de festas de Agolada deu a coñecer o cartel dos festexos, que inclúen actuacións, como ela mesma indica, para todos os gustos e idades. Ademais do 29 e 30 de xuño, a xornada festiva continuará o 1 de xullo. O ano pasado debido á pandemia, foi o Concello o que asumiu a organización dos festexos, pero este ano tomou o relevo un grupo de mozos do municipio: Ricardo Varela, David Coego, Tamara Rivas, Oliva Areán, Bieito Fernández, Sebastián Sarandeses e Iván Sánchez.

Ricardo Varela, David Coego, Tamara Rivas, Oliva Areán, Bieito Fernández e Sebastián Sarandeses.

O mércores, 29 de xuño o pasacalle e a sesión vermú correrán a cargo da Banda de Música Municipal de Agolada. A misa solemne, ás 13:00 horas, estará amenizada pola Coral Polifónica de Agolada. De novo, ás 19:30 horas terá lugar un pasacalle da banda do municipio que ofrecerá un concerto seguidamente. Mentres a verbena contará coas actuacións da orquestra Panamá e o grupo Tania Veiras.


O segundo día, o 30 de xuño, a misa solemne volverá ser a unha do mediodía. A Banda de Vilatuxe será a formación que se encargue de dar os pasacalles (ás 11:00 e ás 19:30 horas) e os concertos de despois (ás 14:00 e ás 20:00 horas). As orquestras Satélites e o Combo Dominicano poñerán a música pola noite.


Por último, o 1 de xullo ás 20:30 horas haberá un concerto do grupo tradicional Bico da Balouta e a verbena estará marcada polos ritmos da charangas Ardores e do DJ Carlos López.

O orzamento destes festexos, tal e como indica a comisión, é duns 30.000 euros. Este grupo de veciños traballou incansablemente para poder celebrar estas datas e xa para recadar fondos organizou dúas xornadas festivas previas que foron todo un éxito: a primeira delas, o 30 de abril no pavillón onde actuaron o dúo La Mecánica e o DJ David Expósito e a segunda foi a I Festa da Xuventude de Agolada que tivo lugar o 27 de maio no campo da feira e estivo amenizada pola orquestra Cinema e o DJ Casanova.


“Estamos moi contentos porque desde o primeiro momento a xente colaborou con nós en todo. Animouse a vir as festas que organizamos, a compra de rifas e agora no momento de dar a cota están dándoa sen problema”, sinala a comisión, quen agradece a todos os veciños, empresas do municipio, e incluso as de fóra deste, que están aportando o seu graniño de area.


Festa dos Chóferes

Despois do San Pedro, a comisión continuará traballando porque tamén organizará a Festa dos Chóferes, que se celebra na carballeira da Zanca. Este ano terá lugar o 30 de xullo. A organización avanza que nesta nova edición se recuperará o tradicional concurso de carrozas, polo que anima á poboación a participar.


O Concello de Agolada agradece a labor da comisión por todo o traballo, implicación e esforzo que supón a organización duns festexos desta índole e tilda a programación de inmellorable. “Será todo un éxito que fará que se achegue moita xente dende outros concellos”, subliña.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page