top of page

As familias afectadas pola falta de coidadores en Lalín asisten ao debate parlamentario

O BNG acusa á Xunta de vulnerar os dereitos do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo mentres o Director Xeral nega a existencia de recortes


Ecos da Comarca/Lalín

As familias afectadas pola redución de recursos humanos nos centros educativos de Lalín asistiron este venres, desde unha sala anexa do Parlamento de Galicia, ao debate na Comisión de Educación no que se abordou a situación dos CEIP Vicente Arias de la Maza e Varela Buxán. A deputada do BNG, Ariadna Fernández, interpelou ao Director Xeral de Centros e Recursos Humanos sobre a perda de coidadores nos centros da comarca, denunciando que os recortes están a afectar directamente á atención do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Pola súa banda, o responsable da Xunta negou que existan os recortes denunciados pola comunidade educativa.

Durante a súa intervención, Fernández asegurou que "a realidade é que, queiran recoñecelo ou non, o que están a facer é discriminar ao alumnado con necesidades

específicas de apoio educativo", criticando que a Xunta continúe sen atender as demandas das familias e dos centros. A deputada insistiu en que a falta de recursos

humanos está a comprometer o dereito a unha educación pública de calidade, en igualdade e equidade, ademais de sobrecargar o persoal docente.


Como mostra do apoio social ás reivindicacións, a parlamentaria exhibiu imaxes das mobilizacións desenvolvidas en Lalín, Vila de Cruces e A Estrada, sinalando que toda a comarca está a reclamar a restitución dos recursos retirados e unha resposta inmediata por parte do Goberno galego.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Fernández tamén cuestionou a postura do Partido Popular nos concellos de Lalín e A Estrada, lembrando que os seus representantes apoiaron mocións a favor de recuperar

os coidadores e reforzar os recursos dos centros educativos, mentres continúan defendendo que "a educación galega é un referente", trasladando polo tanto mensaxes

contraditorias. "Falan dunha educación referente cando os pais e nais deste país e desta

comarca se ven obrigados a recoller sinaturas e manifestarse para que non se vulneren

os dereitos dos seus fillos e fillas", afirmou durante o debate.


Ao longo da sesión, a deputada reclamou en varias ocasións unha resposta concreta á pregunta formulada sobre a restitución dos coidadores retirados no mes de febreiro, coa única aclaración por parte do interpelado de que se valorará na planificación que se fai habitualmente, feito que preocupa aos nacionalistas porque “froito desta planificación temos os resultados que temos”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

As familias afectadas seguiron o debate desde unha sala anexa do Parlamento, vivindo con preocupación e impotencia unha sesión na que, segundo denuncian, se negou a realidade que padecen diariamente nos centros educativos. A pesar de que o Director Xeral manifestou reiteradamente a súa disposición ao diálogo e foi convidado a falar directamente coas familias presentes, o encontro finalmente non chegou a producirse unha vez rematada a comisión. Desde o BNG considérase que esta falta de diálogo evidencia a distancia entre o discurso da Xunta e a realidade que vive o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e as súas familias, que continúan reclamando a restitución inmediata dos coidadores e dos recursos necesarios para garantir unha educación pública inclusiva e de calidade.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page