As compañeiras do PP de Vila de Cruces organizaron este luns un acto para conmemorar o 8M
Tivo lugar a lectura do manifesto e unha mesa redonda da man de mulleres emprendedoras deste municipio
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
As compañeiras do Partido Popular de Vila de Cruces organizaronn onte un acto público para conmemorar o Día Internacional da Muller. "Tivemos o privilexio de contar coa presenza de Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade, que se desprazou unha vez máis ata Vila de Cruces, encargándose de inaugurar e clausurar o acto no Auditorio Xosé Casal".
A continuación, procedeuse coa lectura do manifesto oficial "para reivindicar os logros en materia de igualdade en tódalas esferas da sociedade, visibilizando os avances e agradecendo esforzos, pero sen esquecer o camiño que hai que seguir percorrendo para lograr a igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes".

Despois tivo lugar a mesa redonda baixo o título Non son palabras vacías da man de mulleres emprendedoras deste municipio "que nos emocionaron e removeron cos seus relatos: Leticia Rey, Nerea Blanco, Consuelo Souto, Maite Santiago e Natalia Guzmán; mulleres valentes, mulleres referentes que nos contaron a súa traxectoria, unhas das moitas emprendedoras e loitadoras que residen aquí en Vila de Cruces".
"Agradecemos a tódalas persoas que fixeron o esforzo de asistir ó evento, e tamén a aquelas que por motivos de traballo non puideron estar presentes, pero que nos mostraron o seu apoio neste acto. Estes son encontros necesarios con experiencias reais!", recalcan os populares, que queren compartir unha pequena parte do relato de Leticia Rey. É o seguinte:
“Eu nacín aquí, en Vila de Cruces, hai 27 anos. Tiven a sorte de nacer nunha época na que unha muller nova pode dicir o que quere libremente e pode loitar por elo. Tamén tiven a grandísima sorte de contar cunha familia que me apoia e me apoiou sempre en todo o que puido.
Puiden formarme na universidade, puiden formarme musicalmente e sigo camiñando nesa dirección. Puiden dicirlle ao mundo o que sinto a través das miñas cancións e puiden ter unha voz no mundo da cultura, no mundo feminino e no mundo, simplemente, humano. Isto é un dereito, pero parecera que, sendo muller, son unha privilexiada por poder facelo.
Dei con moitísima xente que me axuda, que forma parte da miña equipa, que respecta as miñas decisións, as miñas vontades, que traballa comigo no meu proxecto e me axuda a facelo medrar. Persoas que me ensinan cada día sobre feminismo, sobre respecto, sobre traballo en equipo, empatía e amizade. Como muller e como artista, estou podendo emprender o meu proxecto. Estou rodeada de persoas coas que estou completamente
cómoda, que me axudan cada día, no profesional e no persoal, e que fan que esta experiencia sexa marabillosa”.