"No caso deste verán 2022 o peor foi o número de horas que fixo cada unha en extinción de incendios, agotando física e mentalmente aos Bombeiros"
Laura Moure/Xeral
Os bombeiros forestais precisan do apoio da sociedade para mellorar as súas condicións laborais. Por este motivo, mañá, martes 25 de outubro, convocan unha manifestación ás 11:00 horas diante da Dirección Xeral da Defensa do Monte e dende alí dirixiranse á Secretaría Xeral Técnica en San Caetano (Santiago de Compostela).

Con motivo disto entrevistamos ao agoladés Jorge Val, Bombeiro Forestal do Distrito XVI (Deza-Tabeirós).
1. Como bombeiro forestal que é o que reclamas?
Reclamo un cambio no modelo do Servicio de Prevención contra Incendios Forestales (SPIF). Un cambio do SPIF cara un servizo integral no medio rural de Galicia. Todo isto debería empezar pola ampliación do tempo de traballo do personal discontinuo de 6 e 9 meses a todo o ano que está traballando de forma máis precaria e recibindo un trato desigual por parte da Consellería de Medio Rural. Polo tanto pedimos a ampliación do tempo de traballo a 12 meses, unha aposta decidida por unha prevención efectiva de incendios real efectiva, un perfeccionamento do sistema de extinción de incendios e a participación directa e automatizada do Servizo nas Emerxencias do medio rural e natural da súa competencia.
2. Sentídesvos desprotexidos no voso traballo?
En tema incendios vindo un verán como este do 2022 podo dicir que si nos sentimos desprotexidos. Foi un verán con moitos incendios e pouco persoal. Na maioría de Distritos houbo medios desprazados aos grandes incendios quedando 1 brigada e 1 motobomba soas para todo un Distrito co perigo que conleva en caso de producirse un lume. As Brigadas da Xunta estiveron incompletas, sen cubrir baixas nin vacantes co perigo que conleva para os birgadistas estar sen persoal. Fixéronse horas excesivas por non ter persoal excedendo en moitos casos as 12 horas máximas permitidas.
3. Entendo así que demandades máis medios.
Si, son precisos máis medios e que dende a Xunta se cubran todas as vacantes e baixas de forma rápida para ter o personal ao 100 % operativo e así evitar que ardan tantas hectáreas e conseguir antes dos períodos de Alto Risco unha prevención real e efectiva.
4. Que é o peor do voso traballo?
No caso deste verán 2022 o peor foi o número de horas que fixo cada brigada en extinción de incendios, agotando física e mentalmente aos Bombeiros. Superando o número de horas máximo permitido por non ter brigadas de relevo ou simplemente por ter que quedar para salvar unha casa que ardía. Isto como comentei anteriormente podíase solucionar desde a administración cubrindo as vacantes e as baixas. Sen máis convido a todo o mundo a acercase mañá as 11 diante da Dirección Xeral de Defensa do Monte
Ademais de Val, APROPIGA e ATRIFOGA tamén demandan o apoio da sociedade, xa que o seu traballo repercute na vida e nos bens das persoas. "Dende as Xuntas Directivas da Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais de Galicia APROPIGA e da Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia ATRIFOGA queremos que toda a xente que poida se acerque mañá á manifestación que se vai celebrar en Santiago para trasladar as inquedanzas do colectivo a está mobilización unitaria do SPIF".
"Non podemos permitir ningún desprezo máis"
"Seguindo unha folla de ruta única e común na defensa do Servizo. Non podemos permitir ningún desprezo máis para un colectivo que este ano se viu desbordado e “contra as cordas” en múltiples ocasión ao longo do verán con tanto incendio e, aínda así, cumpriu con profesionalidade, da mellor maneira posible, co seu cometido. Non podemos permitir que compañeiros/as de 6 e 9 meses vaian á rúa ano tras ano, con ampliacións do tempo de traballo totalmente discrecionais que non fan máis que dar mostra da improvisación continua á que somete a Consellería do Medio Rural ao seu persoal".
Recalcan que "hai que apostar por un colectivo que traballe todo o ano, pola estabilización do persoal temporal, polas garantías laborais e a recuperación dos dereitos perdidos, polo cumplimento das nomativas laborais que garantan a seguridade no traballo, pola cobertura áxil dos postos de xeito que as brigadas sexan operativas, pola resolución dos diferentes procesos selectivos e de funcionarización, etc. É por todo iso que plantexamos unha mobilización para mañá e que asista o maior número de persoas posible".
Comments