As bailarinas cruceñas Natalia Cea, Aldara García e Saleta Cea irán ao Campionato Europeo de Danza
- Laura Moure

- 4 jun 2025
- 1 Min. de lectura
Laura Moure/Vila de Cruces
Natalia Cea, Aldara García e Saleta Cea son tres bailarinas cruceñas que participaron no Concurso Nacional de Danza celebrado en Burgos o pasado mes de maio. "Grazas ao seu esforzo e dedicación, acadaron resultados destacables", recalca o Concello de Vila de Cruces.

Aldara e Natalia, de tan só 12 anos, formaron parte dun grupo de hip hop co que conseguiron o primeiro premio, con unanimidade do xurado, nesta categoría grupal clasificándose para o Campionato Europeo de Danza, que se celebrará en Dijon (Francia) os días 25, 26 e 27 de outubro. Individualmente, Aldara conseguiu o segundo premio na categoría de jazz e Natalia alcanzou tamén un segundo premio na categoría de contemporáneo.
Publicidade
Pola súa parte, Saleta, de 20 anos, participou cunha actuación individual na categoría de ballet clásico, onde conseguiu un primeiro posto, con unanimidade do xurado, e a súa clasificación para o Campionato Europeo de Danza. Tamén actuou na categoría individual de contemporáneo obtendo un segundo posto. “Estamos moi satisfeitas cos resultados acadados e seguiremos traballando con ilusión para o certame europeo. Para nós é un orgullo poder representar a Vila de Cruces neste evento internacional” –destaca Saleta Cea–.
As tres bailarinas participaron inicialmente na primeira fase da zona norte de España do Concurso Nacional de Danza que se celebrou en marzo en Ourense. As mozas cruceñas forman parte da Escola Scene Ballet de Lalín, onde ensaian arreo os venres e sábados.







Comentarios