top of page
Foto del escritorecosdacomarca

"As axencias de viaxe levamos case un ano sen ventas e cunha baixada do 95% dos nosos ingresos"

"Pedimos axudas directas e un plan específico para reactivar o noso sector ademais de recoñecemento porque tamén existimos e nunca nos nomean"

Rocío Barreiro na súa axencia


Entrevista a Rocío Barreiro Varela, responsable de Zafiro Tours Melide


Laura Moure/Melide

As axencias de viaxe son un dos moitos sectores afectados pola crise do coronavirus. A limitación de mobilidade e o medo a desprazarse son as principais razóns de que as viaxes ao longo destes últimos dez meses fosen escasos. Falamos coa axente de viaxes Rocío Barreiro Varela, propietaria de Zafiro Tours Melide. Este negocio cumprirá catro anos o 13 de marzo.


1. Como está vivindo profesionalmente esta situación?


Como se pode imaxinar bastante mal, con moita preocupación e vendo un futuro moi incerto, xa que as axencias de viaxe levamos case un ano sen ventas e cunha baixada do 95% dos ingresos. Ademais tivemos que devolver todo o que tiñamos vendido para o 2020 e reembolsar todo. Houbo moitísimas cancelacións e claro tamén tivemos que devolver a nosa comisión. Todas estas están perdidas tanto as de finais do 2019 como as de 2020 aparte de non vender nada máis. E estamos moi preocupados porque non sabemos como facer nos vindeiros meses ante este futuro tan incerto.


2. Considera que o sector do turismo estivo e está sendo esquecido?

Totalmente. Cando falan dos afectados a nós nin nos nomean. Cando falan dos sector turístico, o goberno central só se fixa no que é o turismo receptible que son os visitantes que veñen aquí, que é o de exterior, e non nos que mandamos, que é o emisor. É como se nós nos existiramos cando en España hai 9.000 axencias de viaxes das que viven moitas familias, tanto de maneira directa como indirecta, que seguro que algunha xa tivo que pechar. Necesitamos que nos escoiten e que nos tomen en serio.


3. Cre que as distintas administracións públicas están actuando de maneira improvisada?

Si, en xeral non teñen unha estratexia real ningún deles. Nós vivimos da mobilidade e levan meses limitándoa dunha maneira ou outra e sobre todo, o goberno central recomenda non viaxar xa dende o verán. O noso sector podería recuperarse algo se estivera vacinada o 70% da poboación, pero nin iso están facendo ben, xa que o número de vacinación é de risa e o seu plan está dando problemas continuamente. E non sabemos como van reactivar o noso sector porque ningún dos gobernos teñen nada claro.


4. Así como ve o futuro das axencias de viaxe?

O noso futuro vai ser moi complicado porque hai moita incerteza. Vemos que a Semana Santa xa está perdida, polo tanto a campaña de primavera xa nada, e a de verán tamén o dubido senón aceleran a vacinación e permiten a mobilidade fácil e segura. A xente ten que saber que se pode mover con seguridade e se non toman as medidas para axudarnos, tanto con axudas directas como cun plan específico para nós, acabaremos pechando a maioría delas. Porque un ano aínda vas aguantando, pero dous igual non.


5. Hai que ser conscientes que detrás do turismo hai moitos profesionais e non só as axencias, polo que sodes moitos os afectados neste sector. Que pide para poder sobrevivir?



Efectivamente. De nós depende moita xente. Están os hoteis, compañías áreas, guías turísticas, operadores turísticos, taxistas, autobuses, trens... e dicir, moitos, tamén a hostalaría. E hai moitos destinos, como por exemplo, Canarias que sen o turismo non teñen nada, porque noutras cidades aínda teñen industrias, pero aí nada. De que viven? Aí non teñen nin o turismo emisor nin o receptivo. Eu pido recoñecemento, que nos nomeen, porque si existimos, que nos dean axudas directas e que leven a cabo un plan específico para reactivar o noso sector.


6. Como ve o resto de plans de axudas destinadas a autónomos?


As axudas son totalmente insuficientes e como dixen antes as axencias de viaxes necesitamos unhas directas coma outras sectores, como a hostalaría, que tamén as necesitan por suposto, pero tamén teñen que pensar nos outros afectados. Xa non digo só nas axencias de viaxes, senón tamén nas orquestras, espectáculos... que estamos tendo moitas máis perdas ca hostalaría, porque eles ao mellor terían unhas perdas do 50%, pero nós do 95. E volvo a reiterar que o goberno central non nos están dando axudas directas. Hai as de cese de actividade, para autonónomos... pero con iso non damos sobrevivido a unha crise tan forte. Unha axuda de 2.000 euros está moi ben pero non para poder sobrevivir todos estes meses.


7. E que a vostedes afectoulles moito non haber vodas nin viaxes do Imserso, non?

Si porque tanto o Imserso como todas as lúas de mel canceláronse como é obvio. E as lúas de mel adoitan ser grandes viaxes, onde sacamos maior beneficio porque tamén dan moito máis traballo.

8. No pasado verán salvouse, aínda que fose a pequena escala, o turismo? Se é así, cales foron os destinos favoritos?


No verán abriuse si, pero recomendábase non viaxar porque en verán non era que o Covid desaparecera e a tempada non se salvou para nada. Vendeuse como moito o 5 ou 6% do que se vendía, e dicir nada, poden ser un viaxe ou dous ao mes. A gran escala se é unha axencia moi grande igual dez, que non lle chega nin para pipas. No noso caso foron moi pouquiños e a maioría para as illas Canarias ou apostaron por cerca, tanto por Galicia como por Portugal.


9. Cre que mudarán as formas de viaxar da xente?


Si. Eu penso que vai haber moi poucas viaxes largas e a maioría elixirá lugares cercanos, tanto pola Península como a países Europeos próximos. E creo que lle van dar moita importancia ao asesoramento e a información para saber da situación sanitaria dos lugares para viaxar seguro e penso que contratarán máis seguros de viaxe.

10. E os maiores serán máis remisos a anotarse ás viaxes do Imserso?

Eles si van ser máis remisos a viaxar. Haberá de todo porque hai xente moi botada para diante, pero a maioría non, debido a súa situación de vulnerabilidade e penso que non volverán viaxar ata que vexan que é completamente seguro. Polo tanto, o Imserso que aínda está no aire e descoñecemos se vai haber campaña, que non o saberemos ata setembro polo menos, terá que mudar un pouco a modalidade ou a forma de facelo, como crear grupos máis pequenos e levar a cabo outras modificacións para aportar moita seguridade para que volva ser un éxito.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page