top of page
Foto del escritorLaura Moure

As actividades formativas do programa da Deputación “Conectadas” chegan aos seis concellos de Deza

Un total de 651 mulleres de toda a provincia de Pontevedra comezan a súa participación en cursos de teatro, artesanía en coiro, relaxación, pilates e ioga ou alfabetización dixital, ao abeiro desta iniciativa da institución provincial


Laura Moure/Deza

Un total de 651 mulleres de 18 concellos da provincia de Pontevedra comezan esta semana 36 novas accións formativas enmarcadas no programa “Conectadas” da Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa ten como principal obxectivo potenciar a promoción das mulleres a través de cursos que este ano se desenvolverán en 53 concellos e contarán coa participación de máis de 4.000 usuarias.


O luns 4 de setembro comezarán as accións formativas en Cangas, Catoira, Lalín, Mos, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Vigo e Vilagarcía de Arousa, nas que tomarán parte un total de 249 mulleres de 13 asociacións. Entre as actividades, figuran obradoiros de relaxación e manexo do estrés, ioga, pilates, ximnasia hipopresiva, risoterapia e alfabetización dixital.

O martes 5 arrancarán outros seis cursos nos concellos da Guarda, Mos, Ponteareas, Pontevedra e Vigo, nos que participarán 103 mulleres de seis entidades. Trátase de obradoiros de artesanía en coiro, ioga, pilates, ximnasia hipopresiva, horta ecolóxica e teatro. Ademais, 168 mulleres de nove asociacións da Guarda, Cangas, Lalín, Moraña, Mos, Ponteareas, Pontevedra, Soutomaior e Valga participarán noutras tantas accións formativas que comezarán o mércores 6 de setembro. Realizarán cursos de teatro, xardinería, ioga, teatro, risoterapia, ximnasia hipopresiva, artesanía en coiro e un encontro con lectoras.


O xoves 7 de setembro arrancarán os cursos en Dozón, Lalín, Pontevedra e Soutomaior, promovidos por cinco colectivos e que reunirán a 81 mulleres. Son accións de iniciación ao patchwork, artesanía en coiro, teatro, alfabetización dixital e pintura. E o venres 8 comezarán en Covelo e Vilagarcía de Arousa dous cursos de pilates e alfabetización dixital para outras dúas asociacións cun total de 26 participantes. Por último, o sábado 9 de setembro arrancará un curso na Estrada, con 24 participantes que se iniciarán no patchwork.

Publicidade

Neste 2023 participan no programa “Conectadas” 219 entidades de 53 concellos da provincia (Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa).


Publicidade

Os colectivos puideron escoller entre 30 obradoiros ofertados dentro de cinco bloques temáticos: Emprende, iniciativas sostibles para o emprego, ExpresARTE, Conéctate, Sementa sostibilidade e O teu momento. Coidado e benestar. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade entre mulleres homes, e teñen unha duración de 35 horas.


0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page