Facilitará a todos os locais de hostalaría un vinilo que conterá un código QR mediante o cal todos visitantes poderán acceder directamente á web de turismo do municipio

Laura Moure/Arzúa
Tras a posta en marcha do portal web de Turismo do Concello de Arzúa, a Concellaría de Turismo lanza unha nova iniciativa de promoción turística na que facilitará a todos os establecementos hostaleiros, casas rurais, albergues e restaurantes, un vinilo que conterá un código QR mediante o cal todas as persoas que visiten Arzúa poderán acceder directamente á web www.turismoarzua.gal e atopar información acerca da súa
historia, patrimonio, espazos naturais, cultura, aloxamentos, restaurantes, tendas ...
Con esta ferramenta búscase darlle información ao público, tanto de orixe nacional coma
internacional, que tradicionalmente cruza o territorio do concello peregrinando a
Compostela por algún dos camiños de Santiago. As características da oferta turística de
Arzúa, baseada na gastronomía e os espazos naturais, fai posible que cada día sexa máis
palpable a recuperación de visitantes tras o parón que supuxo a pandemia, tal e como indica o Concello.
A Covid-19 normalizou o uso dos códigos QR. Consultar a carta dun restaurante, acceder á versión web de aplicacións de mensaxería, conectarse a unha rede wifi ou utilizalo como
método de acceso, son algunhas das aplicacións destes códigos máis utilizadas nos últimos tempos.
Na actualidade úsase de maneira xeneralizada entre a poboación. Esta é unha das principais conclusións que se desprenden da edición de 2021 do estudo Mobile & Conectividad inteligente que elabora IAB Spain e que sinala que o 82,2% dos enquisados afirma que utilizou nalgunha ocasión códigos QR e só un 2% descoñece o que son.
En palabras de Begoña Balado, concelleira de Turismo de Arzúa, “esta iniciativa é novidosa e súmase a outras accións de promoción turística do noso concello. En Arzúa crúzanse tres rutas do Camiño de Santiago e o noso obxectivo é que sexa un destino turístico que englobe historia, gastronomía, paisaxes naturais, bos aloxamentos e comercio local. Arzúa ten moito que ofrecer”.
Comments