top of page
Foto del escritorLaura Moure

Arzúa súmase á conmemoración do Día do Orgullo LGBT baixo o lema 'Arzúa orgullosa e diversa!'

Celebra esta data con distintas actividades ao longo destes días


Laura Moure/Arzúa

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, informou hoxe da serie de actividades que desde o Concello “humildemente e en tempo récord puxemos en marcha porque non podíamos deixar de conmemorar desde Arzúa o 28 de xuño, Día do Orgullo LGBT,” explicou.

“Trátase dunha data importante na que, baixo o lema Arzúa orgullosa e diversa, queremos desde o Concello pór un gran de area aos eventos e actos reivindicativos que se van suceder en torno a esta data ao longo de toda Galiza, contribuíndo á visibilización, sensibilización e concienciación no respecto a todas a identidades de xénero e aos necesarios avances sociais e normativos que nesta materia deben producirse,” sinalou o alcalde de Arzúa.

Así, ademais de engalanar a fachada do Concello de Arzúa coa bandeira LGBT, hoxe, mércores 28 de xuño, a partir das 11:30 horas instalarase un posto informativo na Praza de Galiza, “a través do cal distribuiremos diferente material para todas aquelas veciñas e veciños que queiran achegarse a recollelo e sumarse á celebración dunha Arzúa orgullosa e diversa,” explican desde o Concello.


Ademais, o venres 30 de xuño, da man do FICBueu-Festival Internacional de Cinema de Bueu, a partir das 22 horas na Praza de Galiza proxectaranse diversas curtametraxes de temática LGBT. “Unha actividade aberta ao público á que queremos convidar a participar a toda a veciñanza, pois sen dúbida será pedagóxica e de moito proveito para todas e todos”, resalta o mandatario.



“A atención á reivindicación de dereitos para as persoas LGBT non pode quedar circunscrita só á celebración ritual desta data", sinala o alcalde arzuán

Por último, desde o Concello de Arzúa sinalan que “a atención á reivindicación de dereitos para as persoas LGBT non pode quedar circunscrita só á celebración ritual desta data, o compromiso do Concello de Arzúa é ter presente o respecto ás liberdades afectivo-sexuais e a diversidade de xénero en todas as actividades que realicemos e en todas as áreas, e seguiremos traballando para ampliar os servizos e recursos nesta materia” concluíu o rexedor arzuán.


0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page