O goberno contempla tamén a renovación da senda peonil en Lema e o acondicionamento da parcelas onde se ubican os locais sociais de San Martiño e Dombodán
Laura Moure/Arzúa
O goberno municipal do concello de Arzúa acometerá nas vindeiras datas importantes actuacións no municipio que serán financiadas con cargo ao coñecido como remanente de tesourería, un importante aforro derivado dunha eficiente xestión económica do bipartito local que dirixe o alcalde, José Luis García.
As propostas de actuación, ratificadas na sesión plenaria celebrada no concello a semana pasada, permitirán mellorar diversos espazos e prestar servizos á cidadanía de maneira máis eficaz. Unha das actuacións máis destacadas será a revonación da sinalización
horizontal na senda peonil entre a estrada N-547 e a AC-905, a coñecida
coloquialmente como ruta do colesterol.
Investíranse un total de 48.362,49 euros nunha actuación que contempla unha imprimación de slurry nunha superficie que abarca case os 5.000 metros cadrados. O alcalde, José Luis García, fixo especial fincapé na urxencia en realizar esta actuación “dado que se trata dunha senda moi empregada polos veciños e veciñas de Arzúa para facer deporte e cada vez son máis os ciclistas que percorren este treito que agora mesmo conta cunha deficiente sinalización que melloraremos en breve para evitar accidentes que poidan poñer en perigo aos usuarios da vía”.
Esta senda é moi usado polos veciños.
Con cargo ao aforro logrado do exercicio económico do ano 2020, o goberno municipal tamén levará a cabo a completa renovación da sinalización horizontal do núcleo urbano de Arzúa e dos lugares de A Fraga Alta e A Fonte Prata, na parroquia de A Castañeda. Procederase, neste caso, ao pintado de liñas de eixo e bordo e á delimitación das zonas de estacionamento de vehículos e símbolos mediante un investimento de
35.488 euros.
As parroquias de San Martiño de Calvos e Dombodán serán tamén obxecto de actuacións segundo as propostas presentadas polo goberno local. No caso de San Martiño, está prevista a completa renovación do valo de madeira que pecha a parcela onde se ubica o local social; incluése tamén nesta actuación a dotación de equipamento en dita finca. No caso da parroquia de Domdodán, as actuacións afectarán á renovación do valado de peche da parcela onde se ubica o centro social e ao acondicionamento do acceso a dito inmoble. Investiranse preto de 25.000 euros nestas dúas actuacións que, tal e como sinala o alcalde, “mellorarán considerablemente dous importantes espazos da nosa zona rural, que precisan destes coidados de mantemento para evitar o seu deterioro” engadindo que “era necesario colocar estes novos peches, proceder á limpeza dos terreos e á dotación de equipamento para que todos os veciños e veciñas destas parroquias os poidan usar e desfrutar con garantías”.
Comments