Inaugurarase un novo espazo público en Arzúa: a Casa das Mulleres a onde se trasladarán as instalacións do CIM
Laura Moure/Arzúa
A Concellaría de Igualdade e o Centro de Información ás mulleres presentaron a campaña que desde o Concello de Arzúa se desenvolverá en torno ao 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras. A campaña foi presentada pola concelleira de igualdade, Lucía López Sobrado, acompañada de mulleres veciñas de Arzúa, “representantes do tecido social e laboral do noso Concello porque mulleres coma elas son as que sosteñen o día a día da nosa sociedade e elas teñen que ser as protagonistas dunha data de recoñecemento e reivindicación de dereitos para as mulleres como é a do 8 de marzo” explicou a concelleira nacionalista.
Estiveron presentes nesta presentación a actriz arzuá Lidia Veiga, a empresaria Ledicia Orois, a gandeira Pilar Castro, a directora da EFA Piñeiral e hostaleira, Raquel Carregal, e a reposteira Teresa Rodríguez, do obradoiro Mamá Teresa.
Baixo o lema “Até que todas sexamos libres” e cun deseño autoría da recoñecida ilustradora e muralista Lidia Cao, natural de Ordes, a concelleira de igualdade, Lucía López Sobrado, destacou a necesidade “de reclamar neste 8 de marzo que as mulleres non podemos retroceder nos dereitos conquistados nin dar marcha atrás no camiño da igualdade".
“Vivimos nunha sociedade na que as mulleres só ocupamos o 7% das figuras referentes das que falan os libros de texto, na que a proporción de homes en postos de dirección é 30 puntos maior que a das mulleres, e na Galiza a brecha salarial entre mulleres e homes segue sendo de mais do 18% e supera o 30% cando falamos das pensións” sinalou López Sobrado. “Isto non acontece porque si, se non porque durante moitos anos as mulleres e o noso traballo foi invisibilizado e minusvalorado” explicou e, engadiu, “as mulleres representamos máis da metade da humanidade, a igualdade e a defensa dos nosos dereitos beneficia ao conxunto da sociedade e fana medrar como unha sociedade mellor”.
Publicidade
Actividades
Desde a Concellaría de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres avanzaron unha serie de actividades que se desenvolverán nos vindeiros días dentro desta campaña. O material da campaña comezará a distribuírse xa no Punto violeta que estará ubicado na noite do sábado, 2 de marzo, na Festa do Queixo e que continuará nos vindeiros días cunha xornada técnica de coordinación contra as violencias machistas, que terá lugar o 7 de marzo, e continuará coa inauguración o propio 8 de marzo dun mural autoría de Lidia Cao, “que trasladará o deseño do cartaz desta campaña ás rúas de Arzúa” explicou a concelleira Lucía López.
Publicidade
Destaca entre as actividades que se realizarán a inauguración da “Casa das Mulleres”, situada no lugar que ocupa a coñecida como “Casa Beatriz”, no casco histórico arzuán, e a onde se trasladarán a partir desta data as instalacións do CIM de Arzúa e será “un punto de encontro e un espazo de referencia para as mulleres de Arzúa e a nosa comarca, onde desenvolveremos moi diversas actividades” explicou Adrián Gonçalves, director do CIM de Arzúa.
As actividades na Casa das Mulleres arrincarán o sábado, 9 de marzo, ás 18:30 horas co contacontos “Unha nena moi moi valente”, a cargo de Trémola Teatro e dirixido a crianzas de máis de 3 anos. Ás 19:30 horas dará comezo o acto de inauguración que contará coa actuación musical das Pandeireteiras da Asociación Cultural O Bringuelo.
Publicidade
Xa o 16 de marzo as actividades organizadas pola Concellaría de Igualdade e o CIM Arzúa continuarán co inicio do programa de andainas “Tecendo camiño” e seguirán “ao longo do mes de marzo con diferentes xornadas de portas abertas na Casa das Mulleres dirixidas aos centros de ensino e colectivos, co obxectivo de darlles a coñecer este espazo e o importante traballo que se desenvolve desde o CIM Arzúa” ampliou Lucía López, concelleira de Igualdade.
“A loita feminista conquistou nas últimas décadas moitos avances en dereitos para as mulleres, mais a igualdade aínda segue a ter obstáculos a día de hoxe, por iso é importante que sigamos defendendo o dereito das mulleres a ocupar o lugar que merecemos e a que sigamos avanzando na conquista de dereitos e dunha sociedade plenamente igualitaria entre mulleres e homes, até que todas sexamos libres como acertadamente reclama o lema desta campaña” concluíu López Sobrado.
Kommentare