A Deputación da Coruña destina este ano 368.500 euros a 29 concellos para este fin
Laura Moure
A Deputación da Coruña destina este ano 368.500 euros para o mantemento dos conservatorios e escolas de música e danza de 29 concellos da provincia, entre estes beneficiaranse Arzúa e Melide. Esta concesión provisional das axudas dirixidas a municipios e entidades locais permitirán financiar a reparación e conservación de equipamento, contratacións externas e subministracións, entre outros. "A través desta liña queremos dar apoio á formación artística nas diferentes escolas e conservatorios da provincia", sinala a deputada de Educación, Sandra González. "Estes espazos verdadeiros puntos de encontro para a cidadanía e neles medran os e as artistas do futuro", destacou a deputada que subliñou que as axudas "responden á filosofía da Deputación de facer accesible a formación cultural máis alá das grandes cidades, permitindo que que pequenos e medianos concellos podan ofrecer tamén estes servizos".
A Baña, As Pontes, Abegondo, Ames, Arzúa, Betanzos, Brión, Cabana de Bergantiños, Carballo, Carnota, Cee, Culleredo, Lousame, Melide, Mugardos, Muros, Negreira, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Ortigueira, Padrón, Ponteceso, Porto do Son, Ribeira, Rois, Sada e Santiago de Compostela son os concellos que solicitaron estas subvencións para os seus centros de formación artística. Dous deles concorreron á liña para dous centros distintos, é o caso de Arzúa, para a Esmu Municipal e o Cmus Profesional, e Oleiros, para a Escola Municipal de Música "A Fábrica" e a Escola Municipal de Danza. As axudas concedidas oscilan entre un mínimo de 8.500 euros e un máximo de 20.000 euros.
Así en concreto o municipio de Arzúa recibirá 8.500 euros para gastos de persoal e funcionamento da Esmu Municipal e 19.000, para os gastos de persoal e funcionamento do CMUS profesional. Mentres, Melide beneficiarase de 20.000 euros para o mantemento do conservatorio municipal de grao medio.
Commentaires