Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa pon en marcha por oitavo ano consecutivo o programa cultural Outono a escena que dinamizará as fins de semana dos meses de outubro e novembro con actuacións de artes escénicas e musicais para todos os públicos.
O certame ofertará catorce propostas culturais repartidas nos dous meses. A programación arrincará coa inauguración da exposición colectiva de pintura e fotografía Homenaxe á muller rural cun acto aberto ao público o vindeiro xoves día 5 ás 19:00h. A mostra será visitable ata o 21 de outubro os xoves, venres e sábados de 18:30 a 20:30h e durante os espectáculos que terán lugar na Madanela.
A Capela da Madanela será tamén o escenario que acolla neste tempo diversos espectáculos para todos os públicos repartidos nos chamados Venres na Capela para público adulto e os Sábados en familia para público infantil e familiar. O venres, día 2 de outubro, ás 21:00h levarase a cabo a primeira función para público adulto co espectáculo teatral De algo hai que morrer, unha representación cómica a cargo da compañía Malasombra Producións.
Para público adulto, dentro dos Venres na Capela, prográmase tamén para o mes de outubro outra función de teatro o venres 20 ás 21:00h da man da compañía De Ste Xeito Producións que representará o espectáculo Running, unha suorenta comedia.
Publicidade
As propostas dos Sábados en familia traerán o concerto infantil de Pakolas titulado Rockenado con Ramona Pequena o sábado 14 e o espectáculo de narración oral con música en directo Cacho animalada a cargo de Vero Rilo o sábado 28. Ambas funcións serán ás 18:00 horas.
A programación de Outono a escena continuará no mes de novembro con monólogos, unha nova exposición e actividades dirixidas ao público escolar para conmemorar o Día do Infancia.
Publicidade
Todas as actuacións serán de acceso libre e gratuíto ata completar a capacidade. O Concelleiro de Cultura, José Luís García, anima á veciñanza e visitantes a “participar desta completa programación pensada para todos os públicos como lugar de encontro e entretemento nas tardes de outono”. Ademais, quere destacar “o impulso que se lle segue a dar á Capela da Madanela que, despois de recibir máis de 7.000 visitas durante as exposicións do verán, convértese agora nun pequeno auditorio con escenario, iluminación e todas as comodidades para o público”.
Comments