Arzúa pide á Deputación unha subvención de 200.000 euros para mellorar as instalacións municipais
- ecosdacomarca

- 8 oct
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Arzúa
O Pleno da Corporación Municipal de Arzúa celebrou o pasado xoves, 2 de outubro, unha sesión ordinaria na que se aprobaron diversos asuntos de relevancia para o municipio. Entre eles destacou a aprobación da solicitude dunha subvención nominativa da Deputación da Coruña, por un importe de case 200.000 euros.
A aprobación plenaria é o requisito que solicita a Deputación para poder tramitar oficialmente a petición deste tipo de subvencións. No caso de Arzúa, o financiamento solicitarase para realizar melloras na piscina municipal exterior e na grada do campo de fútbol, dúas instalacións moi utilizadas pola veciñanza.

As actuacións previstas permitirán renovar e poñer a punto ambos espazos, mellorando a súa seguridade e conservación para garantir o seu uso en boas condicións no futuro.
Na piscina municipal exterior, o proxecto recolle a renovación do sistema de desbordo, a mellora da impermeabilización e do espazo que a rodea, ademais da adecuación dos accesos á caseta das bombas para facer o mantemento máis seguro.
No caso das gradas do campo de fútbol, está prevista a ampliación da cuberta e a colocación dun lateral acristalado para protexer o público da choiva, xunto coa reparación da estrutura metálica e a mellora do sistema de drenaxe da auga.
Publicidade
Modificación da ordenanza do imposto de vehículos
O Pleno aprobou tamén a modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), elaborada pola Concellería de Facenda co obxectivo de actualizar a normativa municipal e adaptala aos retos ambientais actuais.
A nova ordenanza inclúe bonificacións destinadas a apoiar á veciñanza que opte por vehículos menos contaminantes, como híbridos, eléctricos, de emisións nulas ou con combustibles alternativos. Con esta medida, o Concello busca fomentar o uso de enerxías limpas e contribuír ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Compromiso ambiental
Por unanimidade, o Pleno aprobou o informe de seguimento do Pacto de Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), que recolle as medidas implementadas polo Concello para contribuír á redución da pegada de carbono e avanzar cara a un modelo de desenvolvemento máis sostible







Comentarios