top of page
Foto del escritorLaura Moure

Arzúa logra da Deputación unha achega de máis de 150.000 euros para mellorar o parque da feira

Laura Moure/Arzúa

A concelleira de Obras e Turismo Municipal de Arzúa, a socialista Begoña Balado, deu a coñecer este martes que, tras numerosas xestións realizadas nos últimos meses dende o goberno municipal, a Deputación Provincial aprobou na sesión plenaria do pasado venres, 29 de xullo, a concesión dunha subvención nominativa ao Concello de Arzúa que permitirá a renovación e mellora da zona de esparcimento situada ao carón do parque infantil, no campo da feira.

A achega provincial será posible grazas á aprobación dun convenio entre as dúas entidades para cofinanciar un proxeto de actuación que permitirá mediante un investimento de 167.433.68 euros mellorar e renovar "unha zona céntrica do casco urbano

moi transitada polos veciños e veciñas e polos numerosos peregríns e turistas que a diario recalan neste espazo aproveitando a súa situación estratéxica e a súa comodidade e

tranquilidade".


Do custo total da actuación, o ente provincial asumirá un 80% do total, facéndose cargo do 20% restante o ente municipal. "A aprobación do documento de colaboración fai realidade por fin unha demanda trasladada dende hai meses polo goberno municipal de Alternativa por Arzúa e PsdG-PSOE á Deputación en vistas do estado de deterioro no que foi ficando un espazo notablemente transitado.


A actuación

Trátase de acondicionar e mellorar unha área de esparcimento situada ao carón do campo da feira, xunto ao parque infantil, onde están ubicados algúns aparellos que empregan as persoas maiores para facer exercicio físico. Tamén se atopan bancos de madeira que a diario son empregados polos peregríns que fan parada en Arzúa para repousar neles durante uns intres. O recinto é, ademais, zona de paso para as numerosas persoas que utilizan o campo da feira de aparcadoiro. "Moitas das familias que, día a día, acoden cos seus fillos ao parque infantil, o único existente en todo o centro urbano, tamén pasean polo recinto e mesmo agardan nel mentres as súas crianzas desfrutan dos xogos do parque", sinala o Concello.

O paso do tempo e numerosas inclemencias meteorolóxicas ao longo dos anos foron

facendo mella nel, tal e como indican, e "provocando un estado de deterioro que urxe correxir coa maior premura". Así foi trasladada a necesidade do seu acondicionamente dende o goberno municipal á Deputación pola concelleira de Obras que fixo fincapé “na existencia de roturas nas plaquetas do pavimento, o deterioro dos alcorques que rodean as árbores e o levantamento de moitas das raíces das árbores que supoñen un risco para as persoas que frecuentan este espazo”. Así mesmo insistiu "na necesidade de realizar actuacións urxentes que permitan manter a funcionalidade do espazo en condicións de seguridade para os seus usuarios”.


A actuación permitirá reordenar o espazo, construír unhas novas escaleiras, proceder

ao cambio de pavimento, aumentar o espazo verde e incorporar novo mobiliario.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page