O itinerario completo está dispoñible dentro da web do Concello
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa informa da nova quenda de recollida de plásticos agrícolas. Este é un servizo que se realiza de forma periódica co obxectivo de facilitar a correcta xestión dos residuos xerados pola actividade agrícola. A recollida desenvolverase entre os días 3 e 5 de marzo en diferentes parroquias do municipio. O itinerario completo está dispoñible dentro da web do Concello, arzua.gal

O concelleiro de Medio Ambiente, Dani Moscoso, subliña a importancia dunha correcta xestión dos plásticos agrícolas e advertiu que "o depósito de plásticos non permitidos nos puntos de recollida provoca un incremento dos custos de xestión para o Concello, sobrecarga o traballo dos operarios e dificulta o proceso de reciclaxe".
Moscoso destaca que esta situación entorpece a xestión dos residuos, aumenta os tempos de separación e pode comprometer a viabilidade do servizo, polo que apelou á colaboración da veciñanza para cumprir coas normas establecidas. "O compromiso da cidadanía cunha reciclaxe responsable é clave para reducir o impacto ambiental e garantir unha xestión eficiente dos residuos agrícolas".
A recollida incluirá exclusivamente plásticos procedentes de silo ou invernadoiros, quedando prohibido o uso de big-bags e a deposición doutros materiais como rodas ou garrafas de plástico. Para garantir o correcto funcionamento do servizo, establécense puntos de recollida en distintas parroquias, comezando mañá, luns 3 de marzo. en Boente e finalizando o mércores 5 en Burres.
Desde a Concellería de Medio Ambiente lembran que este servizo busca facilitar a correcta xestión dos residuos xerados na actividade agraria, reducindo o impacto ambiental e contribuíndo a un rural máis sostible. A colaboración de toda a veciñanza é esencial para o éxito da campaña. Para máis información sobre os horarios e localizacións concretas, pódense consultar as redes sociais do concello ou a web institucional arzua.gal
Comments